Había moitos anos que se escribía coa súa curmá, levaban moito tempo sen verse e as súas cartas eran longas e lentas; cada vez escribíanse con máis frecuencia pero ningunha das dúas se lembraba da outra; só tiñan unha foto, as dúas tiñan a mesma. Nela víanse dúas nenas xogando coa area da praia e rodeadas de moitos xoguetes, estaban moi felices e saudaban coa man. Xa pasara moito tempo desde aquela tarde de verán e transcorreran anos sen saber nada unha da outra; pero de maneira sorprendente comezaron a escribirse e a contarse as súas vidas. Estaban moi lonxe, separadas por moitos quilómetros, por iso as cartas tardaban moito en chegar. Co paso do tempo, a súa relación foise asentando. Nas cartas tamén lembraban o que viviran aquel día. Aínda que xa pasaran moitos anos, as dúas recordaban aqueles castelos de area que fixeran e que despois adornaran con cunchas, e que logo subiu a marea e derrubóullelos. Tamén xogaran aquel día cun papaventos que fixeran cuns trapos unidos a unhas cordas. Pero o máis divertido foi cando colleron un cangrexo que estaba preto das rochas e metérono nun caldeiro, e de cando en vez sacábano e poñíano na area, deixábano escapar un pouco e volvían atrapalo; tamén xogaban a poñelo do revés e gustáballes ver como patexaba para dar a volta, logo volvíano a meter no caldeiro e pasaban a cada pouco para ver se seguía alí ou conseguira escapar. Gustáballes lembrar todas esas vivencias, e un día decidiron reencontrarse na casa da familia onde pasaban os veráns. A que tivo a idea decidiu coller o tren. A viaxe foi longa e aburrida, pero foi observando as fermosas vistas desde a ventá. Despois de moito tempo baixou do tren e foi camiñando coas maletas cara a casa onde pasara aquel verán, que estaba moi preto da estación. Segundo quedaran, a súa curmá xa debía estar alí, chegara un día antes porque só había tren desde onde ela vivía unha vez á semana. Antes da casa estaba a praia, foi camiñando pola area e sorprendeuse ó ver a unha nena facendo uns castelos e decorándoos con cunchas, tamén se estrañou ó ver un caldeiro cun cangrexo. Cando chegou á casa todo estaba como o recordaba, na entrada había un papaventos feito cuns trapos e uns cordeis. Mirou o seu reloxo, o que levaba desde que era pequena, e observou que estaba parado, parara hai moito tempo.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios