A pinga de auga que devala polo vidro da fiestra semella unha calquera das bágoas que devalan pola miña meixela.
Houbo un tempo no que choraba de felicidade. Pero xa non lembro ese tempo. Houbo un tempo no que me sentía querida, amada, desexada?, un tempo no que fermosas palabras soaban nos meus oídos coma o lento bater das ás dunha bolboreta.
Pero xa non lembro ese tempo feliz e xa esquecín esas palabras fermosas. As ás da bolboreta que aniñaba en min deixaron de bater e as fermosas cores que as pintaban murcharon pouco a pouco coma os pétalos dunha flor.
Hai tempo que a miña vida deixou de ser unha fermosa primavera, que deixou de ser unha sinfonía musical de fermosos sons adobiada coas cores do arco da vella. Iso foi nun tempo que xa non é. Iso foi cando o quería, agora non, agora non o é, agora xa non? agora xa non o quero.
O tempo foi percorrendo inexorable as catro estacións, pasou da primavera ao verán case sen decatarme?, o verán tamén é fermoso. Despois chegou o outono coa súa paleta de cores tostadas. E máis tarde, o frío inverno. Xa non hai máis estacións.
Agora na miña vida só existe o inverno. ¿Como facer para saír dese inverno permanente que me ata, que me xungue a un xugo invisible do que non podo ceibarme? Deixándoo.
Porque xa non o quero, e non é un chisco menos cada día deste inverno no que vivo, non, é un nada absoluto. Non sinto nada por el, nada. Non sinto nada desde o día en que pintou a miña primavera cunha única cor: a cor morada das marcas na miña faciana. Ese día no que desde entón Vivaldi só lembra a sinfonía do inverno.
Penso todo isto coa maleta na man e baixando no ascensor. Vou á estación do tren, iniciando o camiño na procura doutras estacións. Quero volver ás cores da primavera, esquecer o morado oculto baixo a grosa capa de maquillaxe. Quero que Vivaldi volva lembrar para min a sinfonía da primavera, só da primavera.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios