Entrou na habitación e pechou a porta. Pechouna sen ter por que. Estaba só. Coma sempre. Un día máis. Oxalá tivese algunha razón para pechala.
Oxalá puidese abatela, coma o rapaz que, enrabechado, a abate a modo de queixa para, despois, botarse dun pulo enriba da cama, en busca da illa que o afastará dos pais que, preocupados, agardan ao outro lado. Coma sempre. Un rapaz máis. Pero el só puido tombarse levemente, coma unha Brancaneves que leva dezaoito anos comendo da mazá envelenada.
Xa non quería loitar. Fixérao moitas veces e os demais nin o viran. Ademais, xa non sabía como, e moito menos para que.
A vida déralle moi poucas recompensas e demasiada dor. Si, iso era, a dor. Era moita. Podía resignarse e aceptar a vida que lle tocara, pero loitar por ela, iso xa non. Entón, lembrou uns versos:
Sentirse doído
Tamén é sentirse vivo
E as bágoas son o camiño
De acabar coa dor en vida
Tróuxollos o ar. O ar da tardiña que xa comezaba a refrescar, e que para el foi un auténtico alento. Un alento que o espertou do letargo en que se deixara sumir.
E chorou, por ver se así alixeiraba a carga que arrastraba o seu maltratado espírito e podía empren der a derradeira loita. Pero era moito o veleno que o mantiña prostrado no leito, e, nesta historia, alguén non se decatou de que, ao mellor, un bico abondaba para o salvar.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios