A súa entidade rematará o ano con máis dun millón de quilos de alimentos repartidos para tapar a fame que está aquí ao lado; pero toda axuda é pouca
Nestes días de fartura e tarxeta de crédito, non está de máis pensar nos que, con traballo, sobreviven. A Fundación Amigos de Galicia vai rematar o ano con máis dun millón de quilos de alimentos repartidos entre aqueles que máis o necesitan. Jesús Busto Peteiro (Toques, A Coruña, 1956) di que a necesidade non hai que ir a buscala a outros mundos; está aquí mesmo, no piso de abaixo, na casa do lado.
-¿Que é Amigos de Galicia? ¿Un grupo de benefactores, de altruístas, de xente preocupada ou todo un pouco?
-Somos unha pila de xente. Isto naceu como unha entidade cultural gastronómica hai 23 anos. Co paso do tempo comezamos a prestar axuda, principalmente, aos emigrantes galegos, en Cuba, en Uruguai, Arxentina... Hoxe somos unha entidade que presta servizos sociais a moita xente en Galicia, intentando tamén integrar a moitos que non teñen traballo.
-A crise castiga máis aos que xa estaban fastidiados...
-Eu non son un técnico, pero ten en conta que en Galicia hai 220.000 parados, moitos de longa duración. E tamén hai unha serie de colectivos que teñen a integración laboral moi difícil, como son as vítimas de violencia de xénero, a muller que ten fillos ao seu cargo e que non traballou nunca, sen formación, e unha gran cantidade de mozos que tampouco traballan. Hai unha entidade no País Vasco que dá emprego a 3.500 persoas; nós comezamos este ano nese terreo e temos como meta integrar laboralmente a quen máis o necesita.
-¡Un millón de quilos de alimentos para tapar a fame aquí mesmo! Impresiona...
-Pasamos xa desa cifra. E non somos nós sós a repartir axuda. Cáritas fai un traballo magnífico nos comedores sociais, que son aos que nós apoiamos. Nestes comedores cada vez hai máis xente. Antes eran, principalmente, homes dunha certa idade. Hoxe non, hai xente nova, hai mulleres, e tamén familias nas que están desempregados os dous, con nenos... Estes últimos non van aos comedores sociais, pero hai que axudarlles igual. Neste momento hai 5.000 persoas que cobran a renda de integración social (Risga), pero iso non chega para comer.
-¿Que o moveu a vostede a implicarse directamente?
-Eu nacín na aldea, son fillo de labregos. A miña nai morreu cando eu ía cumprir nove anos e fun ingresado nos Pasionistas, en Melide. Pasei as que se pasaban daquela. Pero teño unha debilidade polos nenos pequenos e polos vellos, pola xente que non ten onde apoiarse. ¿Quen axuda a un neno pequeno? Ás veces penso que, nalgún caso, habería que pedir certificados para ser pais. No colectivo que atendemos nós, por exemplo, vemos situacións como a dunha muller de 28 anos que ten cinco fillos. E dis ti: ¿É que non ten formación? ¡Non é verdade! Ten unha certa formación, pero ten fillos con tres homes distintos. Hai mil casos. E todos estes rapaces non teñen que comer. ¿E que culpa teñen os nenos? Tamén hai rapaces de doce, quince anos que saen nos xornais porque romperon tal cousa. Pero son rapaces criados na violencia, o raro é que non fagan nada.
-¿Por que no Nadal somos máis sensibles a todas estas situacións? ¿E o resto do ano? Tanta solidariedade puntual case é ofensiva para colectivos que traballan os 365 días do ano...
-Estou de acordo. Co que tiramos todos, a sociedade cubriría as necesidades básicas. No Nadal todos somos mellores, todos queremos ser mellores... pero hai que ser solidario sempre. Onde ti vives seguro que hai unha familia que está en grandes dificultades. E os galegos temos un problema: que non pedimos. Custa moito romper esa barreira. Temos familias ás que hai que facerlle a entrega da axuda sen que saiban quen está detrás, ou non a aceptan. Temos un caso dunha familia á que lle embargaron a casa, as vacas, todo, por avalar uns pisos a dous fillos na Coruña. Esa xente non levanta cabeza máis na súa vida.
-Tamén entregan xoguetes...
-Xa van máis de catro mil nesta época. Fai números do que custa iso. ¿Como non lle vas dar un xoguete a un crío? O ano pasado entregamos 41.000 prendas de roupa, que sempre é nova para os rapaces de doce a vinte anos. Iso faise para que non se sintan marxinados, para que haxa unha certa normalidade.
-¿Como se pode colaborar?
-Moi fácil: que a xente vaia a Cáritas, que ten unha rede loxística moi boa; que leve alimentos non perecedoiros. Nós colaboramos con eles mercando grandes cantidades, por exemplo, cen mil quilos de patacas, vinte mil quilos de lentellas...
-¿Despois de axudar séntese mellor persoa?
-Non. Pero si feliz pola xente á que axudas. Eu teño máis defectos que ninguén; non creo nos salvapatrias.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios