O Vilalonga recurta a súa diferenza co Arousa tras o empate do cadro vilagarcián fronte ao Caleiro

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

17 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Nove xornadas restan por diante nas Ligas de Fútbol Veterán de Pontevedra. Dous meses nos que son aínda bastantes as incógnitas por despexar entre os equipos da comarca, tanto nas zonas de ascenso como nas de descenso.

No Grupo 1º ou División de Honra, San Pedro e Castrelo resístense a perder a categoría, protagonizando sendas vitorias inesperadas. O primeiro superando o sétimo clasificado, o Netos da Coca, por 4 goles a 2. O cadro cambadés, pola súa banda, esqueceu a súa condición de pechacancelas para dobregar o Moraña, décimo, 3-2. A permanencia aínda é unha meta realista para ambos conxuntos.

Na parte media-alta da táboa, o Cambados caeu 1-0 co Vilagarcía e o Mecos asinou un máis ca meritorio empate sen goles na súa visita ao Cháchara, ata o pasado sábado colíder empatado a puntos co Merendero. O Amanecer, pola súa banda, caeu 3-4 co Portas CD.

O Arousa terá que coidarse de aquí ao final do campionato para asegurarse o título de campión do Grupo 2º. A pasada fin de semana o equipo vilagarcián pinchou no seu desprazamento a Caleiro, onde asinou un 0-0. Empate que o Vilalonga soubo aproveitar para acercarse a 4 puntos do líder goleando 0-6 o A Rula.

O Soho Coffee, pola contra, non explotou a derrota do San Adrián co Centro Penitenciario A Lama, 1-3, asinando táboas na casa co Dena, 1-1. Completaron a xornada arousá no Grupo 2º: Albariño 2-3 Sporting Marín; e Lérez Pescamar 1-2 Sisán Deportes Piñeiro.

O que non ten quen lle tusa é o Xocas Café Bar, que camiña firme cara o ascenso como líder do Grupo 3º. O Persianas Galisur, pechacancelas, foi a súa última vítima, 0-2, nunha xornada na que o segundo clasificado, o Portonovo, cedeu dous puntos no campo do Marcón Dibay, 1-1. O Catoira segue sen levantar cabeza e igualou a ceros co Moaña Veteráns, e o Meaño caeu 1-2 co Verducido.

Máis difícil é saber quen rematará a Liga á fronte do Grupo 5º, co San Martín e Joyería Riveiro separados por un único punto. O primeiro goleou ao Verduxo, 5-2, mentres o equipo cesureño eliminaba da carreira o terceiro en discordia, o Cralem Nós, cun triunfo por 1-0. O Bar Gento Abalo tamén deu un paso adiante cara ao ascenso gañándolle 2-3 ao Pescados Nieves e aproveitando o empate da Lama co San Antoniño, 2-2. O Fátima ADV está un pouco máis preto do descenso matemático logo de encaixar un 4-0 a mans do Bar Miramar.

E no Grupo 6º, empate do Armenteira na casa co Bar Carocha, 1-1, co Salud Veteranos perdendo o que quizais fose o seu derradeiro tren cara o ascenso cunha derrota no feudo do Godos CF, 3-1.