«Ben veñas Maio» convértese nun viveiro de novos creativos

Elena Larriba García
E. Larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Os certames de fotografía, narración, banda deseñada, poesía e música atraen cada ano a centros de mozos

05 mar 2013 . Actualizado a las 12:29 h.

Maio é o mes da lingua e, con antelación dabondo para que lles dea tempo a preparar os seus traballos, a Concellaría de Normalización Lingüística en colaboración coa Coordinadora de Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos Institutos de Pontevedra acaba de convocar una nova edición dos certames escolares de fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía e música.

Estes certames levan entre doce e vinte anos celebrándose e ao longo deste tempo convertéronse nun auténtico viveiro de mozos creativos, como subliñaron o concelleiro Demetrio Gómez e Manuel Reboredo, o representante dos equipos de normalización dos centros educativos. Na pasada edición, case cincocentos estudantes participaron nalgunha das categorías de creación convocadas e, ao parecer, moitos dos traballos tiñan unha calidade que chamou a atención.

Nestes certames pode participar todo o alumnado matriculado nos institutos do Concello de Pontevedra con cantas obras queira, que deberán presentar ata o 3 de abril. As bases do concurso de fotografía establecen que as imaxes deberán recoller algún elemento que represente un uso anómalo ou curioso da lingua galega en rótulos, pancartas, faixas publicitarias, pintadas ou indicadores.

No de banda deseñada, os mozos deberán reflexionar sobre o uso e valoración das linguas. No de narración curta e de poesía, como nos outros casos, os textos terán que estar escritos en galego, mentres que no de música as pezas deberán ser orixinais, o texto da primeira peza será un poema de autoría propia e o da segunda dun poeta ou poetisa con obra en galego.

Ben veñas maio inclúe unha mostra de teatro cos traballos realizados ao longo do curso polos grupos teatrais dos diferentes institutos, que se celebrará no teatro Principal.