«Eu apuntábame a todo, ata me apuntei para ser misioneiro»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Julio, cofundador de Clámide e solista do Coro Liceo, é desa especie de cidadán indispensable

25 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Julio Fernando García Cores

Policía Portuario

49 anos

Como os grandes actores de reparto, Julio García é deses personaxes que case todo o mundo que o víu sobre un escenario recoñece sen esforzo pola súa cara, pero aos que moitos lles custa identificar cun nome e apelido. É Julio tamén unha desas pequenas pezas indispensables que insuflan de vida a maquinaria cultural de poboacións como Vilagarcía, que a falta dos medios dunha cidade que a capital arousá nunca chegou a ser, tivo a sorte de contar cun fato de xentes autodidactas que compartindo a súa ilusión desinteresada polo teatro ou a música fixeron a moitos dos seus veciños un pouco máis ricos de espírito cando a televisión en España se resumía na 1 e na 2. Hoxendía, cunha oferta para o tempo libre que tende ao infinito, Julio mantén a súa vocación repartindo o tempo libre entre catro proxectos teatrais simultáneos con diferentes grupos, e a última montaxe da Asociación Coro Liceo, no que leva 15 anos contribuíndo coa súa voz a engordar o prestixio da que sen dúbida é a principal delegación diplomática cultural de Vilagarcía.

Con 9 ou 10 anos a Primeira Comuñón foi para Julio unha experiencia relixiosa que desembocou na súa entrada no Coro Savia Nueva da Parroquia de Santa Eulalia de Arealonga. En plena Transición, entre finais dos 70 e comezos dos 80, a Asociación de Padres de Familia Católicos da parroquia vilagarciá exerceu un notable papel de motor cultural entre a xuventude do lugar, lembra García Cores, montando desde un grupo de gaitas, Froallo, ata un de teatro, Clámide, ou animando as tardes dos domingos con proxeccións de cine para os rapaces. E «eu apuntábame a todo. Ata me apuntei para ser misioneiro», di coa súa ampla risa. Tirándolle da lingua conta Julio que cando tiña 6 ou 7 anos «veu un misioneiro pola parroquia, e preguntou se alguén quería selo. Eu non o pensei e dixen, si, quero ser misioneiro. Se daquela me puxeran unha maleta xa marchaba co paisano». Claro que, confesa, aos seus pais non lles resultou difícil quitarlle a idea da cabeza.

Home orquestra

Daquela, «cando eu era novo, non había as actividades extraescolares de agora». Por non haber, explica, «nin había escola de música», polo que Julio «a todo o que tivera que ver coa cultura, a todo me apuntaba». Desde o Ballet Perla de Arousa, do que foi case fundador, ata clases de guitarra que deixou pronto «porque non daba pé con bola».

Un nome cobra forza entre todas as súas aventuras culturais. Clámide. Un grupo de teatro do que xurdíu máis dun profesional das artes escénicas, coma Josito Porto, e no que Julio García sinala «fixen de todo». «Cando comezamos, como era dos máis novos, poñíanme de protagonista. Logo fun perdendo pelo», ri, e o goteo da marcha de moitos dos seus primeiros compañeiros levouno a asumir, moitas veces practicamente en solitario, desde a dirección das obras ata a construción dos decorados e a instalación e o manexo da iluminación nas representacións, ademais da xestión directiva do grupo e do seu papel de actor. Durante algúns anos só o esforzo de Julio mantivo a flote un colectivo polo que pasaron ducias de vilagarciáns, e que en setembro festexará cunha semana de teatro as súas tres primeiras décadas.

«Orgasmo» no Coliseum

Os mesmos 30 anos que cumpre no 2011 o Coro Liceo, no que Julio leva 15, e no que disfrutou xa da experiencia de montar e de representar unha ducia de zarzuelas e de óperas en grandes escenarios de Galicia, pero tamén de Portugal, en Porto, Lisboa... «A primeira vez que cantei co Coro Liceo foi no Coliseum da Coruña. ¿Ti sabes o que é ver un barco enorme no medio do escenario, e eu alí, facendo todo o que me gusta facer, cantar e actuar? Foi un orgasmo»... existencial.

Co Coro Liceo recoñece que «te sintes un pouco como un profesional». E se ben non se atreve a cualificalo como tal, subliña o seu nivel, contrastado por os moitos directores de espectáculos profesionais de ópera e de zarzuela que reclaman o Coro como apoio, mesmo sufragando unha semana de estadía en Portugal dos seus integrantes con tal fin.

Fronte ao que se puidera pensar, Julio non sinte a frustración por non terse dedicado profesionalmente á cultura. «Para ser profesional, aparte de gustarche moito e da experiencia como afeccionado, tes que deixalo todo, viaxar, aprender doutros... Hai que ter un par de pelotas. Eu tomei unha decisión. Montei unha familia e conseguín un traballo estable, e iso permíteme no meu tempo libre realizarme como realmente son eu». A gloria disfrútaa no escenario da alma.