O colexio de Monte Porreiro gañou o concurso de maios

Chelo Lago

PONTEVEDRA

02 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O CEIP Marcos da Portela de Monte Porreiro foi o gañador absoluto do tradicional certame de maios celebrado onte na Ferrería no que participaron dez colectivos. O devandito maio obtivo o premio especial ademais de outros en distintas categorías.

No apartado de maios, os tres primeiros foron, Marcos da Portela, Asociación Cultural e Deportiva Campañó e Asociación Recriativa de Xeve. En cantigas, os gañadores foron Marcos da Portela, CEIP Campolongo e Recriativa de Xeve. En interpretación, Campañó, CEIP Froebel e Marcos da Portela. E finalmente en coroas, Marcos da Portela volveu gañar, seguido de Campañó en Froebel.

O premio especial para centros escolares foi repartido entre os dous maios presentados polo CEIP de Cabanas -Viaxeiro e Os do Pavillón-, Froebel e Campolongo.

Nunha xornada primaveral, as coplas dos rapaces versaron sobre o pilla bici -«Xa se pode circular / outra vez na zona vella / pero non vaias co coche / pilla bici e pedalea» (Campañó)-, os cambios de circulación -«Ao vires a Pontevedra / tes que por moita atención / porque cada dous por tres / mudan a circulación» (Froebel) -, a crise -«Xa non hai nin para pipas / nin Gabana nin Dior / con esta tremenda crise / ir á feira é o mellor» ( Xeve)- e os coches da Xunta -«Non quere (o presidente) un Audi novo / nin unha motocicleta / o coche oficial de Galicia / vai ser unha feijooneta» (Marcos da Portela)-, entre outros temas.

Tampouco faltaron alusións á baixa do BNG -«Lores vai perdendo apoios / elección tras elección/ o Telmo faille a cama / para coller o bastón» (Campolongo)-, ao conflito dos veciños coa Brilat -«Faille falta máis terreo / para poder entrenar / e colléronnos o monte / oa amigos da Brilat» (Paredes)-, nin a Celulosas -«Seica marcha a cheirenta / Ence vai fóra da ría / os de Bora e Marcón / xa encargaron mascarillas» (Campañó)-.

Este ano e por primeira vez, presentouse un maio do Centro da Terceira Idade de Pontevedra, Las Cantarelas, que luciron unha diadema de flores, elas, e unha garabata chea de margaridas, o único home que as acompañaba.

Marín

En Marín, o concurso que organiza o Ateneo Santa Cecilia celebrouse pola tarde, se ben pola mañá os participantes concentráronse na Alameda para que o xurado os xulgara.

No certame, os gañadores dos mellores maios foron Landeiras e San Xulián; en letras, A Bruxa e A Laxe; no apartado de coroas, Porviso e Landeiras; e en interpretación, Porviso e Da Bruxa, do colexio San Narciso.

No apartado de embarcacións, en feitura gañou Gaviota, seguida de San Xián dos Ancourados: na modalidade de letras, Tenlo e San Xián dos Ancourados; e por último, en interpretación, Tenlo e Gaviota.