«Sinto moito que os afectados non sexan capaces de ter algo máis de confianza e de paciencia»

Alfonso González

PONTEVEDRA

10 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Isabel Domínguez, delegada de Política Territorial, falou onte en Radio Voz dos problemas do supernó de Curro e da PO-531, tras avanzar en Meis que haberá un novo paso soterrado para dar continuidade ao sistema viario local e que se recortará unha vía de acceso as canteiras.

-¿O presidente da plataforma de afectados di que se vai montar un cacao en Curro co tráfico que non vai poder acceder directamente as novas autovías e que vai ter que vir ata localidade e volver a dar a volta para empatar cos novos enlaces?

-Eu non estou de acordo. O que se trata neste nó é de garantir a conectividade e a continuidade do tráfico polas vías de alta capacidade e de reducir precisamente o que hoxe está a soportar directamente a PO-531. Hai razóns técnicas e de seguridade que impiden que, nun nó deste nivel e onde as circulacións van a ser con catro carrís e vías de alta capacidade, se poda acceder en calquera punto. É máis, hai unha normativa que di que ten que haber máis de mil metros entre a finalización de cada un dos enlaces. É imposible que unha estrada convencional, da Deputación ou un camiño veciñal teñan un acceso directo a estes nós. É totalmente inviable tecnicamente por motivos de seguridade. O que hai que facer é que esas glorietas e que esas conexións das estradas, que xa existen actualmente e que soportan tráfico, sexan o máis seguras e amplas posible, e que eses puntos de acceso ás vías de alta capacidade sexan os máis axeitados.

-¿Iso siñifica que a segunda rotonda de Curro [perto da igrexa] vai ter que soportar parte desa intensidade de circulación para acceder despois ao outro nó?

-Non. O que vai soportar o nó de Curro é o que está a soportar hoxe en día e o que lle poden aportar en aumentos de tráfico o desenrolo que se faga a carón de Curro en crecementos urbanos ou industriais. Pero, desde logo, vai a soportar co tempo moitísimo menos tráfico. Cando os vehículos de Vilagarcía veñan por autovía e, a través deste nó, conecten directamente coa AP-9 ou coa A-57, que xa está en proxecto, todos eses tráficos se van a reducir da PO-531. É o obxectivo final: reducir tráficos nesa estrada.

-¿Van a coñecer os veciños afectados o proxecto reformado da PO-531?

-As suxestións dos veciños foron recollidas e estimadas en gran parte. O tratamento que está previsto agora non é nin de lonxe o que estaba previsto anteriormente. Tratamos de reducir as afeccións e de conquerir que os intereses dos veciños sexan compatibles co uso e a seguridade da estrada. Sinto moitísimo que os veciños non sexan capaces de ter un pouco máis de confianza e de paciencia. Os representantes das súas parroquias saben que se está a traballar desde hai tempo nesa liña, pero non podemos ir máis alá nin adiantarnos ao traballo dos técnicos.

-¿Falta moito para rematalo?

-Está a piques. Estamos na marcha atrás. Falta moi pouco para que ese proxecto sexa o definitivo e poidamos tirar todos para adiante con el.