As confrarías reciben con cautela os anuncios do saneamento da ría

Marcos Gago Otero
Marcos Gago PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

Mar Pazos di que se a Xunta cumple os seus compromisos se salvará a campaña de Nadal As mariscadoras mobilizaranse esta mañá por quinto venres consecutivo

12 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

? patrón maior de Pontevedra, Miguel Pazos, manifestou onte a súa satisfacción polos compromisos adquiridos ao longo desta semana pola Xunta e os Concellos de Marín, Pontevedra e Poio en relación co saneamento do fondo da ría. Indicou que se se cumpren os prazos anunciados -dous meses para suprimir tódolos vertidos de sumidoiros de Marín e Os Praceres e axilización da depuradora de Raxó- a campaña de Nadal para o marisqueo estará segura. Apuntou: «Os compromisos que fixeron nos valen perfectamente, sempre que os cumpran, pero se o poden facer en mes e medio mellor que en dous». O portavoz da confraría de San Telmo tamén replicou onte ás críticas de hai uns días da conselleira de Pesca, Carmen Gallego, sobre a razón de que os pósitos se mobilizasen agora e non hai anos sobre este problema. Pazos recalcou que o conflito dos bancos marisqueiros do fondo da ría non está politizado. Engadíu: «Se non nos manifestamos hai dous anos co PP é porque nos deixaban facer o traballo, aínda que incumprían a norma europea. Cando agora non nos deixaron traballar, nos mobilizamos. Non nos move ningún interese político». Hoxe á mañá terá lugar unha nova protesta das mariscadoras dos tres pósitos afectados -San Telmo, Lourizán e Raxó-. Nesta ocasión, a concentración levarase a cabo fronte a delegación da Consellería de Pesca en Pontevedra. Esta é a quinta vez que os pósitos se mobilizan desde que se cualificaron os fondos marisqueiros coa categoría C.