«Hai que buscarse a vida fóra de Galicia para vender o queixo»

OURENSE CIUDAD

Entrevista | Daniel Pérez Este xoven produtor vilalbés participa en feiras medievais e mercados coa fin de vender e dar a coñecer o San Simón

14 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Daniel Pérez, da queixería vilalbesa de Daniberto, comezou hai un ano a experiencia de irse polos mercados e feiras de España co fin de vender o queixo de San Simón. A pasada fin de semana estivo no mercado medieval de tres días que se celebrou na vila manchega de Pedro Muñoz, xunto con panadeiros de Carral e asadores de Ourense, así coma outros comerciantes de diferentes comunidades. -¿Por que se decidiu a percorrer España con este queixo? -Levo un ano dando a coñecer o produto fóra e estou contento porque os clientes valoran o queixo de San Simón. Acudo a mercados, mostras gastronómicas, monográficas do queixo e feiras medievais. -¿Como valoran o queixo? -Vendo queixo de tetilla e queixo de San Simón. Os clientes aparecen e son bos, só hai que animarse a dar o salto e saír de Galicia. Eu teño clientes en restaurantes, tendas e particulares. En Pedro Muñoz, durante os tres días da feira, estou moi contento por como responde a xente. Próbano, gústalles e ven que teñen un sabor distinto aos queixos de leite de cabra que se fan por aquí. -¿Canto tempo ten pensado coa promoción? -Uns tres anos. Hai que buscarse a vida fóra de Galicia para vender o queixo ou calquera outro produto. Non quero ser alarmista, pero para moitos produtores o futuro non está só en Galicia, é necesario abrir mercados e dar a coñecer e valorar o que facemos na nosa terra. Creo que ás veces valoramos máis o de fóra.