Eu tamén son de O Irixo

Xosé Lois Carreira

OURENSE

26 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Verín, Xinzo, Ourense, Ribadavia, O Carballiño, Vigo, Pontevedra, Lugo, Monforte, Sarria, A Rúa e ata as proximidades de O Barco. Este é o macabro ronsel de vilas e cidades galegas que están nos arredores dun radio de acción aproximado ós cen quilómetros de O Irixo. Se miramos cara León ou Portugal entón a cousa aínda medra máis. Á vista de paxaro semella que a estratexia loxística desta localización xeográfica tan precisa certifica tamén o seu grao de empeño político na materialización do asunto, absoluto. O Irixo albergará unha planta incineradora, o queiran ou non, do lixo que produce toda a provincia de Ourense, Pontevedra e área metropolitana de Vigo, en torno ás 400.000 toneladas ó ano. E dicir, o morto ambiental máis grande que se poida lembrar á menos de 100 quilómetros de calquera estanco da provincia onde mercara este periódico. Queda claro que a aposta de Feijoo é non só manter senón que perpetuar o obsoleto e ruinoso modelo Sogama, unha tecnoloxía que recicla, recupera ou reutiliza menos do 25% do total do lixo que procesa, o resto vai a incineración. Claro que, o mesmo que nas marabillosas clases de física dos oitenta, compre lembrar que o lixo incinerado non desaparece, senón que se transforma e cinsa e fume. Cinsa tóxica acugulada en moreas monumentais e fume liberado a atmosfera como potente axente canceríxeno. Velaquí o veleno que permite Feijoo cando é a propia OMS quen advirte que na proximidade dun radio de cinco quilómetros dunha incineradora duplicase o risco de cancro infantil, que pode propiciar malformacións nos fetos e que unha exposición prolongada, como é a vida, ó fume da combustión do lixo portador de micro partículas insondables como dioxinas, policlorodifenilos, benzotilenos, metais pesados como chumbo e mercurio, desenvolve tumores conxénitos e hereditarios dado o seu potente resto bioacumulativo, moi difíciles de eliminar polo noso corpo. Diante tan triste panorama declaro que eu tamén son de O Irixo, parroquia de Madarnás.