A demagoxia dos lumes

Antón Feito

OURENSE

23 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Que lección nos das, querido Alfredo Suárez Canal, deputado do BNG e exconselleiro do Medio Rural! ¡Que gran lección! Non te vin en ningunha das dúas manifestacións que onte se celebraron en Ourense para criticar a vaga de incendios forestais que sufriu a provincia. Tampouco lin ningún comunicado asinado por ti nin ningunha declaración o respecto. Non estás, nin ti nin o BNG, á caza do voto electoral aproveitando os lumes. Unha dinámica que é a dos teus exsocios de goberno. Ti exerces do que sempre fuche, un home responsable, honesto, traballador e sensato. Por iso non te sumas ás algaradas socialistas contra os gobernantes do PP. ¿Qué pensará Alfredo de todo este rebumbio? Vénme a pregunta a cabeza cando vexo tanta demagoxia socialista (¿non cres que o 20-M lles pasará factura?) saír dos beizos de Pablo García, número dous do PSOE, chamándolle ó presidente Feijoo «covarde e vergoñento» ou ó aspirante ó Senado falando que Ourense sufriu «o Prestige dos seus montes». ¿Non che parece todo un despropósito? ¿Non che parece que é vergoñento que non teñan unha palabra para os auténticos criminais, que son os incendiarios? ¿Non che parece que quen ten a responsabilidade da orde público non pode criticar con esa virulencia senón foi capaz de deter a ningún delincuente? ¿Non che parece que despois das 90.000 hectáreas queimadas no 2006, non se debe buscar rendibilidade electoral cos incendios? Recordo cando aquel ano dixeches: «Hai moitas mans negras que queren facer dano queimando». Esa si é unha gran verdade. E todos, os do PP e os do PSOE, debían estar, arreo, descubrindo esas mans negras que volven negro o noso país. Pero, pola contra, o que están buscando, xente como Seara e Fidalgo, que queren ser representantes dos ourensáns, son os votiños da demagoxia barata. ¡Canto debían aprender de ti!