«Se me negan o soldo eu podo quitarme de traballar»

JESÚS MANUEL GARCÍA OURENSE / LA VOZ

OURENSE

O alcalde do PP repite pero perdeu a maioría e agora está a expensas do que decidan os grupos da oposición

27 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Emilio Higuero volve ser alcalde polo Partido Popular, mais esta vez sen maioría pois conta con tres concelleiros fronte aos dous do BNG e os dous independentes. Xa non é o seu grupo o que dirixe sen máis.

-¿Como se leva esta nova situación?

-Ben, pero chega a cansar. Agora presenteime por certos caprichos de xente que ía a Ourense dicindo que eran do PP porque un é sindicalista e o outro anarquista. Posiblemente queríanme apartar.

-¿Como goberna agora?

-Eu son dos que menos cobro, con 1.200 euros netos por asistencia a plenos e comisións. Estou cada mañá no Concello e non cobro nada por vir todos os días mais vou intentar cobrar. Ata agora nunca cobrei un céntimo por ir asinar ó Concello, pero hai que estar alí. Eu firmo todos os días e atendo xente cada xornada. Ó veciño interésalle que se lle dea servizo. Gobernar agora é complicado porque non hai cartos.

-E está en minoría...

-A oposición será responsable se nega cousas. Queren un pleno mensual sen comisión de goberno; e así farémoslle mal ós veciños.

-¿E se non lle aproban o soldo que pide?

-Eu podo quitarme de traballar. Todo o mundo que traballa cobra, e eu cobro 1.200 euros por todo. Vou pedir que se me pague por ir cada día ou que me digan que non vaia.

-¿Que prioridades ten para Lobeira?

-Postos de traballo porque se os hai entón xa hai todo. Unha pequena brigadiña é unha miseria para o rural. En segundo lugar, temos moitos vellos e tres asistentes a domicilio. Logo hai estradas e camiños que se axeitaron hai uns anos que empezan a estropearse.

-¿Como ter postos laborais?

-Pódese facer de moitos xeitos para potenciar o turismo rural, xente para rozar e limpar camiños e áreas recreativas, obradoiros de emprego. Temos unha caseta do Concello pero vaise o persoal ó acabar e tarda en comezar outro obradoiro.

-¿De que vive un concello como o de Lobeira?

-A maior parte vive das pensións. Hai algúns granxeiros, tres ou catro gandeiros grandes. Todo o mundo ten a súa hortiña para botar unhas patacas.

Emilio Higuero Cardoso naceu en Arzádegos (Vilardevós) no 1930.

Formouse no colexio da Garda Civil en Valdemoro, licenciándose ós 19 anos. Tempo despois emigrou ó Brasil, tamén foi a Suíza para volver a Lobeira.

Leva na política desde 1983, sempre como alcalde menos un mandato no que non saíu. É pensionista e quere cobrar por ir cada día ó concello.

EMILIO HIGUERO CARDOSO aLCALDE DE LOBEIRA