As minas de cobre ou wolframio de Carballal de Petín

Francisco Delgado

PETÍN

26 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Fálase nos medios de comunicación do cobre, que está moi cotizado. Hai moitos roubos de cable con alma deste mineral en servizos públicos co fin de derretelo e vender o resultante, cobre. Sabido é nesta contorna que en Carballal de Petín existen unhas minas de cobre. Do volframio falaremos despois. Din que estas minas teñen unha galería que chega ata O Seixo. Din que alí hai outra boca. Sabemos que incluso a principio do século pasado se intentaron recuperar ditas minas. Non debeu ir moi adiante a intentona. O que se sabe é que a súa explotación é moi antiga. Dende logo hoxe vense as emboquilladuras moi cerca de Carballal, unhas notables e claras dimensións, cun grande gálibo, e sinais incluso de ter tido carrís para supostas vagonetas. Inda hoxe deben estar á vista. No entorno de Carballal, no paraxe de Marcabelo, hai varias bocas, sen dúbida de auxiliares de explotación.

O do volframio é outra historia menos coñecida. Nesta mina nunca houbo volframio, da propia explotación. O que sabemos é que na guerra europea, alí, ao menos na entrada, había dese mineral, que ó parecer servía para endurecer os canóns das guerras. Unha gran explotación houboa en Casaio, en Carballeda. Alguén a alguén quería convencer de que da mina de Carballal saía volframio, seguramente para traficalo. E posiblemente no camiño dos aliados. De noite, polo monte, traían en cabalerías dese material e púñano na entrada da bocamina, co fin de que quen viñera a velo certificara a súa existencia. Con iso tiñan certificación de guías. E logo non sabemos que camiños levaba pero é de supoñer que por certos condutos iría ós aliados a través dalgún porto galego ou portugués. Claro que o volframio que traían as cabalerías non era de suficiente volume. Pero cas guías da mina de Carballal, alguén roubaba en Casaio máis cantidade para poder negociar.