«Temos xa moi avanzado o proxecto da central de biogás»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

O rexedor, que pasou do BNG ao PP, di que «o resultado amosa que se vota á persoa» e aposta polo solo industrial

13 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Xosé Xaquín Rodríguez Ambrosio escribriu unha das páxinas máis controvertidas da política municipal. Logo de ser alcalde durante anos polo BNG rexeitou esa condición para gobernar no último tramo do pasado mandato sen vencellamento político. Nas municipais presentouse polo PP e revalidou o cargo de rexedor de Rairiz de Veiga.

-¿Pasar do BNG ao PP non resulta excesivo?

-Non é tan sinxelo. No partido sucedéronse feitos contra min e o partido nin me apoiou nin me preguntou que pasaba. A CIG e a UPG atacáronme e acusáronme de todo, e todo quedou en nada, e fixeron das acusacións contra min un tema persoal. Por iso deixei o BNG, ao non sentirme apoiado, e decidín seguir fóra do partido. Recibín varias ofertas para as municipais e decanteime polo PP.

-¿Non sería máis lóxico presentarse como independente?

-As listas independentes están ben para un caso puntual pero non teñen apoio despois nas institucións. Nós, eu e a xente que me acompañou do meu grupo, fomos como independentes na lista do PP. Ir con un partido significa que non tes que constituir unha formación independente e que vas ter logo quen te apoie nas institucións. Tivemos ofertas de independentes pero non nos pareceu unha boa opción.

-¿Que lle dixeron os veciños por pasar de extremo a extremo?

-Canseime de explicar, antes e durante as eleccións, porque tomamos esa decisión. E renovamos a alcaldía. No BNG atacáronme e funme, gañei de novo as eleccións e iso amosa que se vota ás persoas, máis que aos partidos, nos pobos pequenos.

-Neste novo escenario ¿cales son as prioridades?

-O primeiro é manter os servizos. Temos residencia, centro de día, guardería, piscinas e transporte municipal e iso supón un custe importante, pero é algo que nos distingue e polo que apostamos. Contamos cun plan xeral aprobado e queremos desenvolver solo industrial para atraer empresas e fixar poboación.

-¿Farano con Urbaourense?

-É unha posibilidade pero non a única, será con quen consiga crear o terreo a mellor prezo.

-¿E que máis proxectos conta desenvolver?

-Rematamos a primeira fase da central de biogás, que é un proxecto pioneiro que resultará moi útil e de moita rendabilidade para o concello, e imos constituir a sociedade para xestionala -Biogás da Limia-, temos moi avanzada a concentración parcelaria para dinamizar o sector agrario e realizamos proxectos importantes en materia de cultura e medio ambiente.

xosé xaquín rodríguez ambrosio alcalde de rairiz de veiga

A Saínza (Rairiz de Veiga). 1968.

Capacitación Forestal. Axente Forestal da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.

Leva dezaseis anos en política: 4 como tenente alcalde e 12 como alcalde de Rairiz de Veiga. Non conta con adicación ao cargo e compatibiliza o seu traballo como axente forestal coa responsabilidade como rexedor municipal.