«Vou pola rúa e vou vendo poesía en calquera cousa»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

29 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

José Ramón Fernández Morgade non responde ao perfil acostumado dun escritor de poesía, aínda que como di este director financieiro dunha empresa constructora precisamente este antagonismo é lóxico: «Porque a escritura dáche unha relaxación e unha realidade que é radicalmente diferente ao que fas no día a día inmerso nunha morea de números». Fernández Morgade é presidente do Círculo Poético Orensano e esta tarde presenta o seu primeiro poemario no Liceo de Ourense (20.00 horas).

-¿Voste xa tiña participado en varios proxectos colectivos?

-Dende o Círculo Poético Orensano téñense promovido varios proxectos colectivos e no meu caso xa participei en obras como Mundos por descubrir, Colectivos Uno e Ourense no corazón. Me evaporo é o meu primeiro libro de poemas en solitario.

-¿Por que se decidiu?

-Son desas cousas que sempre vas deixando pero que sempre dis «teño que facer iso» e no meu caso era publicar este libro de poesía.

-Que tamén conta con cedé co mesmo título.

-Así é. Falamos Carlos Martínez e máis eu do tema e foi materializándose o proxecto de poñerlle música. Ao final é un cedé con oito temas e que conta coa colaboración, entre outros, de José Rubio.

-¿Como concebiu o poemario?

-Está dividio en tres partes. A primeira, que se titula Consistencias, inclúe poemas a un sobriño e a unha sobriña-neta miña e, entre outros, un a Ourense, porque estou namorado da miña cidade. A segunda, titulada Fluideces, céntrase na poesía social, sobre todo no que se refire ao maltrato ás mulleres (unha realidade que se amosa de xeito moi duro en países como México, donde fomos ao encontro poético de Zamora). Na terceira, Evaporaciones, son poemas románticos ou vencellados ao erotismo.

-¿Está traballando nalgún proxecto novo?

-No meu caso a poesía vai fluindo, vou pola rúa e vexo poesía en calquera espazo, nos ollos dunha muller ou en calquera cousa. Teño 14 ou 15 poemas inéditos que no seu día formarán parte dun novo libro.