Homenaxe en Esposende ás vítimas da colza e do metílico

jesús manuel garcía OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Os colleiteiros Elisa Collarte e Alfredo Alvarado recolleron os Bacelos de Prata

08 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Elisa Collarte Bernárdez e Alfredo Alvarado Pires recolleron onte no Pazo de Esposende, en Ribadavia, os bacelos de prata concedidos pola asociación Álvaro das Casas. As súas adegas quedan deste xeito recoñecidas polo emprego do galego nas etiquetas. No nome de Elisa falou seu marido, para agradecer a distinción e dicir que «os tintos teñen que pasar pola madeira de carballo» e lembrou cando décadas atrás nos seus anos mozos na propia Ribadavia apartábase a quenes só falaban galego, subliñando que agora é ao contrario, premiase o emprego da lingua propia desta terra. Alfredo Alvarado subliñou que o viño fala e iso sábese cando se proba.

O acto estivo moi concorrido coa presenza, entre os invitados, do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez; do fiscal superior de Galicia, Carlos Varela; o xefe superior de Policía de Galicia, Luis García Mañá; o subdelegado do goberno e membros do Concello de Ribadavia. A parte musical desenvolveuna a Coral Polifónica de Leiro.

Quedou patente que o bacelo para Elisa Collarte débese «á utilización da lingua galega desde hai moitos anos, na etiquetaxe e publicidade da súas marcas Cordón de Santo André (branco) de variedades autóctonas, treixadura, godello, albariño e loureira e Elisa Collarte (tinto) elaborado con mencía e con crianza de 6 meses en barrica», e a aposta, di a acta, «polo seu compromiso na utilización do noso idioma como sinal de identidade e garantía da orixe que vincula ao produto coa terra».

O mesmo lle ocorre a Alfredo Alvarado, que leva anos etiquetando en galego o seu viño Acinus elaborado coas castes autóctonas treixadura, loureira e albariño, viño no que aposta por identificar coa lingua de orixe.

O presidente de Álvaro das Casas, Avelino Muleiro, tivo un recordo para o poeta Lois Pereiro, finado no 1996, unha das vítimas da colza, desgraza da que se cumpren 30 anos. E tamén lembrou aos afectados polo caso do metílico hai 48 anos. Xentes envenenadas por un licor saído dunha factoría ourensá. «Facemos unha homenaxe a todas esas vítimas e brindamos por todos os adegueiros que elaboran caldos con mimo e con viño de calidade». Pediu a «renovación ética das empresas galegas dos produtos que consumimos» así como esquecer os nomes ?dos que mancharon o nome de Galicia. Hoxe estes produtos teñen calidade». Engadiu que a asociación que preside ten unha lista de persoas e entidades premiadas cos bacelos, que traballan honradamente. O presidente dos Premios da Crítica, Xosé González, explicou que «a lingua galega vai polo mundo da man dos nosos viños» e fixo a proposta de pedir nos restaurantes, para promocionar o espallamento destes caldos, etiquetados en galego.