Ourense acollerá o día 12 os actos do «Vento Lois»

Xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Barbadás inclúe representacións teatrais e un contacontos de Yolanda Castaño na Semana das Letras Galegas

07 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Ourense participará nunha celebración conxunta en toda Galicia, ademais de Madrid e París, na que se lembrará a figura e a obra de Lois Pereiro, autor ao que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas. Vento Lois é un proxecto que conta co apoio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Pen Clube de Galicia e a Asociación Galega de Editores, e ao que xa se teñen sumado 16 cidades e concellos, que se desenvolverá o día 12 e no que se pretende «conseguir un vendaval que percorra todo o mundo» grazas a actividades como «a lectura de textos de Lois, sobre Lois, música, perfomances, teatro...».

Na proposta do proxecto Vento Lois contémplanse unha serie de actos «como a lectura do Manifesto Loisista, un recital a base da lectura participativa de textos do escritor homenaxeado nas Letras Galegas 2011, unha lectura de textos e mensaxes sobre Lois e música e outras actividades». No caso da cidade de Ourense está previsto que ese día se celebren «funcións escolares para o segundo ciclo da ESO e Bacharelato» ás 12.30 horas e que o Auditorio acolla a representación de Mundo Lois.

En relación á celebración do 17 de Maio tamén está previsto desenvolver en Barbadás unha Semana das Letras Galegas que inclúe as representacións de Migallas Teatro e Teatro do Miolo (días 9 e 11) e un contacontos de Yolanda Castaño no colexio Ruxidoiro (día 12).