Acción e intriga para a nova entrega do premio Risco

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

«Deus xogando aos dados», de Fernando Méndez, é unha novela onde se recrea o pago do wolframio co ouro nazi

24 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O xornalista e escritor Fernando Méndez forma parte xa da colección de autores galegos que conta cun Premio Risco de Literatura no seu currículo. A obra coa que gañou a convocatoria do pasado ano do Risco de Literatura, Deus xogando aos dados, foi presentada onte no Auditorio de Ourense nun acto que contou coa presenza do secretario da Fundación Vicente Risco, Luís Martínez-Risco Daviña, Olegario Sotelo Blanco, da editorial que publica a obra, de Ánxela Gracián, en representación do xurado e do propio galardoado, entre outros. O premio é unha convocatoria do Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco que contempla, ademais da remuneración económica, a publicación da obra por parte da editorial Sotelo Blanco.

Documental do holocaustro

Deus xogando aos dados é unha novela que está ambientada en Galicia «e que analiza a trama do ouro nazi chegado a España despois da Segunda Guerra Mundial, tendo como fío condutor a desaparición dun sacerdote e a extorsión a catro escritores famosos». Ánxela Gracián calificou a novela de Fernando Méndez como unha das obras máis salientables da novela negra galega das últimas décadas e que está chamada a ser «un pontón referencial do xénero negro en Galicia» pola súa singularidade, pola identificación co país e por non caer «na copia de estilos foráneos».

Sotelo Blanco agradeceu ao Concello de Ourense e á Fundación Vicente Risco o compromiso co premio e coa literatura galega e Luís Martínez-Risco, que disculpou a ausencia de concelleira Isabel Pérez, referiuse ao vencello de Vicente e Antón Risco coa literatura fantástica.

Antes do acto pasouse un documental do propio autor sobre o holocausto e Fernando Méndez dixo na súa intervención que quería con este traballo rendir homenaxe á xente que perdeu a vida nos campos de concentración. Méndez lembrou que o ouro nazi serviu para pagar os cargamentos de wolframio dos anos 1942 a 1944.