O Concello de Ourense aproba cos sindicatos as bases para nove prazas de bombeiros

OURENSE

OURENSE

Os tribunais de selección estarán formados integramente por técnicos, sen representantes de partidos políticos nin sindicais

27 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

? O Concello de Ourense aprobou esta semana en mesa de negociación coas centrais sindicais as bases específicas que rexerán a convocatoria de 9 prazas de bombeiro condutor para reforzar o Servizo de Bombeiros do Concello de Ourense. Na mesma sesión, aprobouse a adaptación das bases xerais de ingreso ó Concello ao establecido no novo Estatuto Básico do Empregado Público.

As bases desenvoltas polo Concello de Ourense para a convocatoria de nove prazas de bombeiro condutor foron aprobadas cos votos favorables dos sindicatos USO, UGT, CC OO e CIG, tódolos sindicatos con representación no Concello agás CSIF, que votou en contra coa argumentación de que ten impugnada a totalidade da Oferta de Emprego Público do Concello.

A Concellería de Recursos Humanos dá así un novo paso adiante na convocatoria de 9 novas prazas para reforzar o Corpo de Bombeiros, en desenvolvemento da oferta pública de emprego aprobada en outubro de 2010 pola Xunta de Goberno Local. Os traballos comezaron coa creación dunha comisión técnica con representantes dos sindicatos para elaborar as bases da convocatoria. Transcorridos dous meses sen ter chegado a un acordo entre as partes, a Concellería de Recursos Humanos iniciou unha rolda de contactos e negociacións coas centrais sindicais, que rematou coa elaboración das bases, recollendo moitas das alegacións dos sindicatos.

As bases pretenden primar o perfil de cualificación técnica dos bombeiros, polo que a primeira proba, de carácter eliminatorio, será un test de coñecemento (a diferenza de en anteriores convocatorias, nas que as primeiras probas eran as de carácter físico).