«Moita xente non coñece a miña obra en debuxos»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

01 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

José Manuel Rodríguez Mojón convive cun artista que de cando en vez pide paso para amosar o seu traballo e mestría á hora de labrar a madeira ou de expresarse co debuxo e a pintura. Daquela Mojón libérase das súas responsabilidades cotidiáns e o artista Moxóm acada o seu merecido protagonismo. Hoxe volta ao seu lugar máis emblemático: ás 20.15 horas inaugurada a súa exposición de debuxos e esculturas na Casa da Xuventude de Ourense.

-Hai menos dun ano expoñía no Simeón ¿a nova mostra é unha volta á orixe?

-Así é en boa medida. Na Casa da Xuventude é onde teño feito a maior parte das miñas exposicións e é un lugar moi querido para min. Non só por esa circunstancia senón polo meu vencellamento coa mesma. Por alí comecei a moverme en 1986 e a entrar en contacto co mundo da cultura e da arte. Esta mostra supón a celebración dos meus 25 anos de relación coa Casa.

-Desta volta tamén incorpora debuxos á súa proposta.

-É certo que se relaciona o meu traballo coa escultura en madeira porque é no aspecto que máis teño afondado e que centrou a maior parte das miñas exposicións. Nesta mostra hai tamén debuxos porque realmente esa foi a miña orixe. Comecei como debuxante de cómics e estou convencido de que se non empezase co debuxo e non tivese debuxado nunca chegaría á talla en madeira. Moita xente non coñece a miña obra en debuxo e con esta mostra pode achegarse a esa faceta porque hai escultura, debuxo e pintura.

-¿Que forma de expresión artística prefire?

-Todas aportan cousas e serven en función do que queres facer. Obviamente no meu caso é moito máis coñecida a escultura en madeira porque é o que máis teño traballado e o que ten centrado a maior parte das miñas exposicións. Mais sen esquencer outras manifestacións como o debuxo -a anterior mostra de Moxom na Casa da Xuventude foi coas súas ilustracións para o libro O lobo da xente, da Fundación Risco-.

-¿A formas están na peza ou a madeira acepta a súa proposta?

-Miro sempre a madeira para coñecer cal é a peza que se agocha dentro. Non son dos que aposta por inventalo todo pero tampouco me quedo con esa primeira idea e vou creando as miñas esculturas dende esa percepción orixinal.