«A miña novela céntrase no ouro nazi e en Galicia»

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

O xornalista e escritor fíxose co premio cunha obra na que hai referencias á época do wolframio

22 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Fernando Rodríguez Méndez foi galardoado polo xurado do Premio Risco de Literatura como autor do mellor dos traballos presentados á edición deste ano. Deus xogando aos dados, que así se titula a obra premiada, é un traballo de fición que inclúe referencias a episodios históricos coñecidos como a etapa do wolframio ou o ouro nazi. Un dos seus traballos de investigación, o referido aos mortos do metílico, será obxecto dun encontro no Simeón a vindeira semana.

-¿A obra foi escrita para o premio?

-Non, era unha novela que xa tiña escrita e levaba 3 ou 4 anos para rematala. Antes do verán púxenme a fondo con ela e pecheina. Ao contar coas bases do premio vin que encaixaba nas mesmas e por iso a presentei.

-¿Que se vai atopar o lector na súa obra?

-O argumento central da novela é o ouro nazi e Galicia, aínda que polo medio atopámonos con aspectos como o holocausto, a etapa na que o wolframio era un material moi demandado e outros aspectos.

-¿Como naceu o proxecto agora premiado?

-Por alá polos anos 95 ou 96 sairon varias informacións sobre o ouro nazi que gardei porque me interesaban. Despois cadroume de coñecer de primeira man o holocausto nunha visita que fixen a Auschwitz e logo xa fun artellando a obra en base a catro escritores perseguidos polo que escriben que deciden fuxir para non perder a vida e rematan por refuxiarse en Galicia. Aquí é onde coñecen a un crego que lles dá a coñecer algunhas claves vencelladas á existencia do ouro nazi e onde se pode atopar.