«Para min cada peza reclama un material concreto»

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

O artista inaugura hoxe no Auditorio de Ourense a súa exposición de escultura «Terras de Oestrimnia»

17 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Toño Monteiro chega a Ourense case como os grandes músicos, logo dunha xira coa súa mostra Terras de Oestrimnia por toda Galicia. Hoxe abre as portas a súa exposición no Auditorio de Ourense e onte afanábase durante todo o día para que todo estivese como el desexa para recibir aos visitantes.

-¿Como chega a súa obra ao auditorio?

-Este é un proxecto que leva ano e medio amosándose polos diferentes centros comarcais de Galicia. No caso de Ourense no había un espazo propio, no senso de que non existe un centro desta rede de fundacións comarcais, pero ao falar con Isabel Pérez e Eva Torres propuxéronme o Auditorio de Ourense e a min pareceume un lugar marabilloso para acoller esta proposta.

-Materias e pezas amosan unha ampla variedade ¿a que se debe?

-Defínome, como se di agora, como un artista multidisciplinar e nesa liña emprego materiais, estilos e propostas moi diversas. Cada peza pide un material e hai esculturas feitas en gres, madeira, pizarra, cuarcita ou aceiro cortén.

-¿Por que «Terras de Oestrimnia»?

-Este proxecto escultórico naceu coma unha andaina polas diferentes comarcas de Galicia lembrando a memoria representada das tribus que poboaban estas comarcas, os oestrimnios. E ademais diuse a casualidade, foi a propia Isabel Pérez quen mo apuntou porque eu non sabía nada, que un músico de Goián, Andrés Álvarez, compuxo un tema que se chama «Terra de oestrimios».

-¿Haberá algunha colaboración entre ambos?

-Iso xa é unha realidade. Na presentación -hoxe ás 20.00 horas- do Auditorio de Ourense está previsto que a banda de música municipal interprete o tema deste rapaz de Goián.

-A mostra conta cunha importante colaboración que non é moi común en proxectos coma este.

-É certo. A verdade é que tiven moita sorte e foise sumando cada vez máis xente a este proxecto, aínda que moitas veces o patrocinio circunscríbese a aportar material para os actos de inauguración ou durante a mostra.

-¿Cantas pezas trouxo ao Auditorio de Ourense?

-A exposición está composta dunhas dezaséis esculturas. A isto haille que engadir as pezas que son para os colaboradores, que tamén se amosan na mostra, e que son un agradecemento polo apoio que me prestaron.