Barreiro Fernández reivindica o idioma ao recibir o premio Trasalba

X. M. R. OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

O presidente da Real Academia Galega salientou o discurso académico e pedagóxico do galardoado

28 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

«Pouco importa quen sexa o destinatario deste premio, xuntámonos hoxe aquí como acostumamos de ano en ano para facer votos e promesas de fidelidade a unha patria. Esta casa, como ocorre coa Matanza de Rosalía de Castro, é o santuario para alimentar o sentimento de galeguidade». Así comezou onte na Casa Grande de Cimadevila o seu discurso o gañador do Premio Trasalba 2010, Xosé Ramón Barreiro Fernández.

Coincidiu o ex presidente da Real Academia Galega con Freixanes e Ferrín en que hai dous espazos en Galicia que exercen como referentes da patria, as xa mentadas casas de Rosalía de Castro e de Otero Pedrayo, e en Trasalba lembrou que «estamos hoxe aquí co mesmo obxectivo, independentemente que sexa eu o homenaxeado, que tiveron no seu día Murguía, Otero Pedrayo, Risco e outros: na procura dunha utopía. Eles viviron non só para ter un himno e unha bandeira, senón na procura dun espazo propio e é responsabilidad da nosa xeración cumprir eses soños de convertir e construir este país». Unha tarefa que Barreiro Fernández recoñeceu «por veces pode parecer desacougante, mais aínda que sabemos que é un camiño lento todos sabemos cal é o noso obxectivo e todos cabemos nel».

Alicerces e cidadáns

O premio Trasalba 2010 amosouse convencido de que esa patria de futuro debe construirse baixo tres premisas ás que non se pode renunciar: «democracia, liberdade e a identidade galega. E non valen dúas, hai que vivir en democracia e en liberdade, pero sendo galegos», ao tempo que fixon un chamamento lembrando que «non se debe deixar esta responsabilidade en máns de ninguén, é unha tarefa dos cidadáns -non dos partidos ou das administracións, aínda que axuden- e os cidadáns non poden desertar das súas responsabilidades».

Recoñeceu Xosé Ramón Barreiro Fernández que viviu momentos duros cando se posicionou dende a Real Academia Galega a prol do idioma, co convencemento «de que as institucións deben rebelarse e protestar contra as inxustizas», e rematou a súa intervención asegurando que «o idioma é o elemento fundamental desa identidade. Se somos libres e demócratas pero non somos galegos non somos ninguén».

Herdeiro de Murguía

Antes da intervención do premiado o seu sucesor na RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, asegurou que «este premio acáelle de xeito perfecto a Barreiro Fernández e semella que naceu, dito premio, para que un día o recibirá Barreiro Fernández». Repasou Ferrín a xenealoxía do moradores da Casa Grande de Cimadevila, e a súa evolución cara a un progresismo nacionalista, e estableceu un paralelismo co devalar do pazo lindeiro «que foi do remol carlista á ruína do vello réxime», fixo un percorrido pola obra de Barreiro e como esta afonda nas claves de moitos dos acontecementos da historia de Galicia e afirmou que «Murguía vive no discurso de Xosé Ramón Barreiro Fernández».

Como mantedor do acto exerceu o responsable de Galaxia e do padroado da Fundación Otero Pedrayo, Víctor Freixanes, e foi tamén o encargado de disculpar a ausencia de Díaz Pardo por enfermidade e de facer entrega ao premiado dun cadro creado por Díaz Pardo para a ocasión, que sustituiu á tradición xerra de Sargadelos que decoraba o propio artista.