«Moita xente leva churros para a casa, sobre todo os domingos»

OURENSE

01 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O barquense Virginio Ramos (1947) emprendeu o camiño da inmigración cando apenas cumprira os 18 anos. Marchou para Alemaña, onte estivo ata o 82, que decidiu retornar á súa terra. Foi daquela cando apareceu a posibilidade de facerse coa churrería, que aínda atende hoxe na praza do Concello do Barco.

-O seu demostra que a xente aínda segue almorzando churros...

-Antes quizais se vendera máis; porque aínda que o pobo era máis pequeno, hoxe hai máis negocios, e cando nós empezamos nesta zona practicamente non había nada.

-A pesar das dietas...

-¡Se os churros non engordan! (ri).

-¿E os clientes almorzan aquí ou prefiren levalos para a casa?

-Moita xente lévaos para a casa, sobre todo os domingos. Ese día abrimos só un par de horas, de nove e media a once e media, máis ou menos. Pero o día que máis vendemos é os sábados, o resto da semana, pois depende, uns días mellor que outros...

-¿E que horario teñen?

-Abrimos sobre as nove da mañá, ata a unha. Poderíamos abrir pola tarde, porque igual á tardiña a xente tamén se animaba a comprar churros, pero como temos tamén un bar, non damos para tanto.

-¿E os prezos?

-Unha ducia de churros custa 1,80 euros. Eu non creo que sexa moi caro. Sempre hai quen protesta, pero a maioría da xente dinnos que por aí fóra son máis caros.