Un grupo de teatro prepara unha obra sobre a ruta

OURENSE

03 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Camiño de Inverno aparecerá por primeira vez nos escenarios por iniciativa do grupo Ti e máis Eu Teatro, que prepara un espectáculo inspirado nesta ruta histórica coa intención de estrealo o 8 de marzo. Os integrantes desta compañía afeccionada, radicada en Lugo e Ferrol, están a ultimar o texto da obra, que está previsto presentar en Ferrol dentro do circuíto teatral que promove a Deputación coruñesa.

A obra titúlase Pan, tona e azucre e será protagonizada por tres mulleres que se coñecen de toda a vida e se reencontran casualmente en Monforte despois de moitos anos sen verse. Un destes personaxes chega á localidade percorrendo o Camiño de Inverno, de cuxa existencia chegou a saber grazas á feira turística Intur de Valladolid, onde a ruta foi presentada realmente en novembro do 2008. O grupo prefire non adiantar moitos detalles do argumento, que non se inscribe en ningún xénero teatral concreto. «Ten elementos de comedia e un aspecto digamos máis profundo, aínda que tampouco se poida considerar como moi dramático ou tráxico», apunta Josefa Deibe, unha das integrantes da compañía.

Para dala a coñecer

Os membros de Ti e máis Eu Teatro decidiron incorporar o Camiño de Inverno a este espectáculo despois de coñecer a ruta mediante informacións aparecidas na prensa e en Internet. «Pareceunos moi interesante a historia do Camiño de Inverno e os esforzos que se están facendo para a súa recuperación, e ocorréusenos ambientar a nosa próxima obra nesta ruta», explica Deibe.

Para escribir a obra, os integrantes do grupo estiveron informándose sobre a historia da ruta e coa visita a varias das localidades polas que pasa, así como ao mosteiro das Bernardas de Pantón, entre outros enclaves.

Os responsables da compañía -creada hai arredor de cinco anos- esperan que este espectáculo axude a promocionar o Camiño de Inverno, que ao seu xuízo aínda é pouco coñecido no conxunto de Galicia. A súa intención é representar a obra nos diversos municipios situados ao longo da ruta, nos circuítos teatrais da Deputación lucense e no festival de teatro afeccionado de Lugo.