Valdeorras crea unha plataforma en defensa do galego

OURENSE

11 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Arredor dunha ducia de colectivos e varios artistas de Valdeorras presentaron onte a plataforma Queremos Galego a nivel comarcal. Un grupo que naceu co obxectivo de mobilizar á cidadanía do oriente ourensán a participar na manifestación a prol da lingua que se celebrará o próximo domingo día 18 en Santiago. «E para que ninguén quede na casa, haberá servizo de autobús», explicaba Manuel Rodiño, responsable comarcal do BNG. Así, todos os que queiran desprazarse a Compostela unicamente deben apuntarse chamando ao 690 72 86 95.

Mais a plataforma nace con miras máis ambiciosas, anunciando que en breve porá en marcha «iniciativas» sobre o galego na comarca, das que non deron máis datos.

A rolda de prensa serviu tamén para dar a coñecer a iniciativa lexislativa popular que será rexistrada nos próximos días no Parlamento. O obxectivo é «a adopción de medidas legais dirixidas a cumprir todo aquilo que xa está previamente recollido na lexislación», segundo lembraba Xosé Ares desde Galiza Nova, en materia de defensa do idioma propio; e que consideran que non se está a cumprir desde a actual Xunta.

Con doces frases como que «a lingua é a nosa casa, nós vivimos dentro dela, somos os seus fillos e temos a obriga de mantela en pé», a poetisa ruesa Rosa Enríquez invitaba á poboación a sumarse á convocatoria.

Os integrantes

Na plataforma están Galiza Nova, Esquerda Unida, ONG Sildoura, colectivo cultural Os Bardos, Bloque Nacionalista Galego, Confederación Intersindical Galega, Sindicato Labrego Galego, A Mesa pola Normalización Lingüística, agrupación de música tradicional Abertal e o Ateneo Republicano de Valdeorras. Ademais, tamén se posicionaron no mesmo senso, a poetisa Rosa Enríquez, os cantautores Anxo Rei e Magín Blanco, o escultor Luis Fernández Cochorro e o director de cine Ignacio Vilar (estes dous últimos non puideron estar onte). «E seguimos abertos a que se sumen persoas e entidades», apuntaba Susana Méndez desde A Mesa.