«Son un home da confianza de Baltar, non o seu contrapoder»

OURENSE

O ex alcalde de A Arnoia cre que o esquema que suprime as delegacións das consellerías «non ten volta atrás» e que a gran eiva é unha sede única para a provincia

19 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Rogelio Martínez a actividade política enredouno dende moi cedo. Foi o alcalde máis novo do Estado nas primeiras municipais logo da dictadura e xa non parou: botou 30 anos de alcalde do seu pobo, A Arnoia, foi deputado provincial e man dereita de Baltar, na súa condición de vicepresidente da Deputación de Ourense, durante 18 anos. Nos primeiros días de maio tomaba posesión como delegado da Xunta na provincia.

-A figura foi cuestionada por parte da oposición ¿consolidarase o esquema dos delegados provinciais da Xunta?

-A idea é moi boa e como toda estructura nova hai que agardar a que se consolide. É unha decisión que non ten marcha atrás. Despois deste goberno virán outros e esta figura manterase, de feito xa estaba prevista nos primeiros anos da autonomía, aínda que non se materializou daquela.

-¿Está atopando atrancos con este novo organigrama?

-Estructurar toda a administración periférica, de maneira que se entendan as novas relacións, vai levar o seu tempo. Os propios funcionarios deben entender as novas relacións administrativas entre a provincia e os servizos centrais de Santiago e tamén hai que consolidar a figura dos xefes territoriais, que suplen a figura dos secretarios provinciais e serán puramente de xestión e administrativa, non política. Levará o seu tempo pero ao final funcionará e será beneficioso porque no futuro, cando cambie o goberno, haberá que cambiar só unha persoa na provincia e non unha morea de delegados.

-A Xunta xa desbotou a proposta dunha delegación para Vivenda e hai grandes proxectos pendentes, como o do centro dos parques naturais ¿que vai pasar con esas actuacións pendentes?

-Estamos revisando que tipo de acordos había, se existían convenios asinados ou protocolos de intencións. Se había protocolo non vale para nada e se había convenio, coa súa asignación presupostaria correspondente, hai que estudiar a participación de cada un e ver como se retoman. Neste momento é o traballo que están a desenvolver os técnicos de cada departamento.

-¿Cando haberá unha sede única da Xunta na provincia?

-Ese é o grande reto, pero desgraciadamente a cousa vai para largo. Somos a única provincia que temos tan espallados os servizos da Xunta por toda a cidade de Ourense, noutras cidades están nun único edificio ou, como moito, están en dous. Aquí hai algún departamento territorial ou consellería que están en cinco sitios diferentes na cidade. Non é un asunto a resolver mañá nin nesta lexislatura, pero hai que sentar as bases para resolvelo e debe haber colaboración do Concello e da Deputación para ver se hai algún lugar onde haxa terreos a disposición.

-Falando de asiganturas pendentes ¿algún día chegará o momento da discriminación positiva para Ourense?

-Acabamos de asistir á presentación do proxecto de Caixanova e IBM, un paso importante de discriminación positiva para Ourense que vai ter todo o apoyo da Xunta como dixo o seu presidente. Tamén hai que lembrar que o presidente da Xunta xa manifestou, como ourensán e presidente dos galegos, esa aposta por esta provincia. O compromiso do Goberno é axudar ao interior de Galicia máis que ao resto porque necesita máis axuda. Non imos facer como no Estado, que lle dán máis aos que máis teñen. Precisamente nós, que protestamos por iso, non podemos utilizar os mesmos argumentos.

-Vostede tense convertido en obxectivo das denuncias da oposición pola xestión dos fondos Leader ¿iso pode forzar a súa dimisión?

-Estou moi tranquilo. Non teño nada que ocultar, nin ocultei nunca nada, e por esa vía non teñen nada que facer. Outra cousa distinta é que eles tentaron o desgaste porque viron que aí había un fleco onde lle podían facer dano á Xunta e atacar ao seu presidente. Ademais eu sempre fun o seu enemigo a batir: opúxenme ao parque ambiental, e iso non o perdoan nin o señor Milia nin o señor Fidalgo, e fun belixerante no Ribeiro. Mais sempre estiven no mesmo sitio, non ando coma outros achegándome a uns ou a outros en función duns intereses. Iso eles non son capaces de esquencelo. Cren que se me apartan a min terán o camiño libre e non lles vai ser así. Cando queiran e como queiran darei as explicacións que se me pidan e presentarei a documentación sen ningún problema.

-¿E vostede o contrapoder de Baltar?

-Fun 18 anos vicepresidente da Deputación con Baltar, nomeado por el, e son unha persoa da súa confianza. Non vexo contrapoder de ningún tipo. A min elexiuseme por ser unha persoa que coñece perfectamente a administración por dentro e que coñezo o funcionamento e as necesidades dos concellos desta provincia. Outras lecturas non as vexo.