«A política son tránsitos e é moi hixiénico deixar a primeira liña»

O IRIXO

Ferreiro Abelleira defende a labor desenrolada no ámbito da Lei de Dependencia, aínda que recoñece varias carencias motivadas pola falta de financiamento

29 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O feito de que ás institucións cheguen novos inquilinos ten como contrapartida que outros teñen que marchar. Ese é o caso de Francisco Ferreiro Abelleira, ata o de agora delegado da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar e, para moitas persoas, a cara de Lei de Dependencia na provincia. Este é momento de aparcar responsabilidades, retomar outra forma de vida e tamén de facer balance.

-¿Como leva o cambio?

-A nivel persoal moi ben. A xente cre que isto é moi cómodo, pero non o é, así que o cambio é unha certa liberación. Claro, a nivel político é frustrante. Tiñamos un traballo comezado e non deu tempo a amosalo no seu conxunto.

-¿O 1 de marzo foi unha decepción inesperada?

-Foi sobre todo frustración. Con toda modestia, houbo un cambio moi importante grazas ó Sistema Galego do Benestar e por suposto ó tema da dependencia. Un tema moi contestado que hai que enmarcar nun problema financeiro. Agora podo dicilo, pero igual hai mil expedientes neste momento tramitados, sen recursos de Madrid para abordalos. E ese é un problema que, quen veña, terá que afrontalo e de verdade que espero que teña a fortuna de sacar adiante todo isto.

-Comentou nalgunha ocasión que a lei se empregaba como arma arroxadiza. ¿Influíu no resultado electoral?

-En certa medida si, sobre todo porque nesta campaña non houbo escrúpulos. Eu creo que en política non vale todo e, desde logo, eu non participo en determinadas cuestións de carácter impresentable que se deron nesta ocasión. Unha delas puido ser a dependencia. Ás veces non se dixo toda a verdade e non se explicou ben o proceso. Eu xamais faría unha utilización disto, pero á actual presidencia se lle encheu a boca con promesas de que isto se arranxaría en catro meses. Oxalá, e o digo sinceramente. Pero, salvo que teñan un compromiso co Goberno do Estado, o vexo imposible.

-Houbo sempre un certo escepticismo con respecto á lei na cidadanía. ¿Por que?

-Houbo un problema de lealdade. Cando se goberna con outro partido político hai que ser leal. E ás veces nós non fomos claros para explicar que o diñeiro non chegaba. Cando se fala de problemas sociais é moi fácil sacar de contexto un caso illado e poñelo como exemplo. Se trataba de aplicar unha lei partindo de cero. Somos dos primeiros do Estado español, pero iso non se dixo. É como o tema das sillas de dous mil euros, que son inexistentes, pero unha mentira a base de repetila convértese nunha verdade. O que se fixo dende Vicepresidencia foi revolucionario, no aspecto de cambiar un modelo e crear un sistema de benestar.

-¿Cre que é un erro ubicar Benestar na Consellería de Traballo?

-Hai unha cousa que o que veña ten xa gañado. Quen iniciou a posta en marcha da Lei de dependencia é o goberno bipartito, neste caso Vicepresidencia. Está moi adiantado e é perfecto que aproveiten ese caudal de experiencia que está aí. Pero a axilidade só se consigue con recursos económicos e humanos. A min paréceme que Benestar, e por tanto a dependencia, deberan ter un tratamento específico. E nun principio Traballo xa ten de por si as súas peculiaridades como para sumarlle todo isto.

-De todo o que lle quedou por facer, ¿que é o que máis lamenta?

-É complicado, porque hai varias cousas, pero para min a maior decepción foi non ter un equipo absolutamente consolidado e que a rede de centros de día non fora máis ampla, porque é un elemento importante. Máis que unha cousa, o que máis lamento é o proxecto. A xente xulgará todo isto co paso do tempo, pero insisto en que desexo todos os éxitos a quen veña, porque é o éxito da sociedade.

-¿Como ve o futuro a partir deste momento?

-Teño praza no centro de saúde de O Irixo, teño unha praza na Carballeira de ensino e teño algunha oferta para traballar como avogado. O que quero é ter unha calidade de vida mellor e dedicarlle algo máis ás miñas aficións, descansar un pouco. A política son tránsitos e é moi hixiénico deixar a primeira liña, aínda que eu sempre estarei ó servizo da organización. No ámbito persoal, o que me apetece é coller uns días e estar coa miña muller e a miña filla, que levaba moi mal todo isto. Os amigos seguen sendo os de sempre e de fóra da política.

-¿Como lle gustaría que o lembraran?

-Gustaríame ser lembrado como unha persoa que se dedicou á política e que nunca lle deu instrucións políticas ós técnicos. Nunca lle recriminei a ninguén que non fora do Bloque. Eu querería ser lembrado como unha persoa normal e, iso si, unha persoa alegre.