A colección de La Voz «O son e a terra» reunirá 700 páxinas de información

La Voz

OURENSE

26 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O primeiro libro da colección de libro-discos O son e a terra distribuirase xunto con La Voz o próximo domingo. Será a primeira entrega dunha colección que pretende reunir en cada volume a música tradicional máis representativa e a información histórico-cultural máis importante das diversas comarcas que forman o país. Esta iniciativa editorial inédita en Galicia está patrocinada polo Banco Sabadell Atlántico. Serán en total setecentas páxinas con datos de carácter social, xeográfico, monumental, natural, musical ou literario as que se reunirán nos dez libro-discos que se poderán adquirir por 5,95 euros.

A mellor música tradicional

Á parte das guías das diversas terras que forman Galicia, a colección incluirá unha selección de douscentos temas que percorrerán a mellor música tradicional, que historicamente foi recollida en cancioneiros como os que a principios e mediados do século XX reuniron investigadores tan fundamentais na historia da cultura do país como Casto Sampedro ou Jesús Bal y Gay.

As pezas están gravadas por diversos especialistas en música tradicional, que nos discos fixeron unha versión dos temas que segue fielmente os parámetros e interpretación tradicionais, e outra nas que interpretan as cancións de maneira máis libre, incluíndo instrumentos habituais nos grupos folk galegos da actualidade.

Esta unión entre a música que marcou a historia da cultura galega e a información que permite coñecer polo miúdo ata a xeografía galega máis recóndita é unha iniciativa editorial descoñecida no país. Nunca antes se fixera unha edición en forma de colección dunha selección tan grande de pezas de música tradicional, que ata o de agora só se podían encontrar de forma dispersa en diferentes discos de diversas agrupacións sonoras. Así, O son e a terra permite acceder ao legado que durante xeracións foi pasando duns músicos a outros, e que converteu en míticos a nomes como os gaiteiros de Soutelo de Montes, Os Trinta de Trives ou Faustino Santalices, todos eles responsables de que os sons da Galicia máis auténtica chegaran ata a actualidade.