«Os cidadáns sofren inseguridade xurídica»

OURENSE

A asociación presentou na Fiscalía unha denuncia contra o Concello polo uso indebido das cámaras de tráfico

02 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O movementos polos dereitos civís acaba de presentar na Fiscalía de Ourense unha denuncia por mor da, presunta, indebida utilización das cámaras de tráfico por parte do Concello de Ourense. Xosé Renato Núnez, portavoz da asociación, explica os razoamentos desta denuncia.

­-¿Cal e ese mal uso que cren vostedes que se fai das cámaras de tráfico?

­-O propio Concello recoñece que as cámaras de tráfico están a ser usadas para tarefas de vídeo vixilancia, e a proba foi que se utilizaron fai algúns meses para a detención na rúa dun sospeitoso, permitíndose despois a difusión das imaxes do arresto, sen que se tivesen en conta os dereitos do afectado. Por ese motivo a asociación agarda que a Fiscalía inicie un procedemento polo que se investigue ese uso, que nos consideramos ilegal xa que a corporación ourensá non ten autorización da Delegación do Goberno para utilizas os dispositivos de vixilancia do tráfico para tarefas de seguridade cidadá. En Galicia, tan só A Coruña e Santiago dispoñen desa autorización.

-¿Qué é o que lle piden a Fiscalía?

­-En caso de que se acepte a nosa denuncia, esperamos que a Fiscalía tome as medidas disciplinarias que sexan oportunas respecto dos membros das forzas e corpos de seguridade que infrinxiron o procedemento de tratamento de imaxes e deber de segredo. Outra das cuestións que se solicita no escrito e que a Fiscalía tome as medidas oportunas contra o responsable de seguridade cidadá que ordenou a instalación das cámaras sen contar coa preceptiva autorización da Delegación de Goberno

-¿A lexislación actual é clara en relación a este tipo de asuntos?

-O uso para o que están autorizadas as cámaras de tráfico é -así o recolle a Lei Orgánica 4/1997- para o control, regulación, vixilancia e disciplina do tráfico nas vías públicas. Por ese motivo pensamos que resulta discutible, tal e como pretende constatar o Concello de Ourense, que conforme a lexislación actual se poida empregar unha cámara destinada a vixiar o tráfico para a detención dun individuo. Asemade, na lei 15/99 de 13 de decembro, recollese que os datos de carácter persoal relativos á comisión de infraccións penais ou administrativas so poderán ser incluídos en ficheiros das Administracións Públicas competentes e nos supostos previstos.

-Tamén o Defensor do Pobo vaise pronunciar sobre estes felitos...

-Solicitounos que se lle remitise toda a documentación sobre o asunto para proceder a iniciar unha investigación.

-¿Están vendo moitos casos deste tipo?

-As cámaras estanse colocando en moitos concellos galegos e os cidadáns sofren inseguridade xurídica.