«Intervindo nos inicios pódese evitar a escalada do conflito»

VIANA DO BOLO

30 mar 2008 . Actualizado a las 03:00 h.

O programa de mediación escolar do IES Carlos Casares de Viana do Bolo gañou un premio nacional á innovación educativa e a nivel interno conseguiu frear conflitos que poderían terse convertido en casos de acoso. Susana Fernández, profesora do centro, presentou onte a experiencia nunha charla con motivo das xornadas sobre convivencia de Comisións Obreiras.

-¿En qué consiste o voso programa de mediación?

-Temos creado un equipo de mediación que se ofrece como un instrumento educativo do propio instituto para intervir na resolución pacífica dos conflitos. Temos unha lista de mediadores que foron previamente formados nun curso que se imparte no propio centro e cando se solicitan facemos as reunións oportunas para que as partes cheguen a un acordo.

-¿Qué papel xogan os alumnos?

-Temos mediadores en tódolos ámbitos. Hai profesores, pais e tamén persoal non docente, pero normalmente os alumnos elixen ós seus compañeiros de mediadores.

-¿Qué se fai no instituto cando se detecta un conflito?

-Unha das partes acude o servizo de orientación, solicita a mediación, as partes piden a quen queren de mediadores e iníciase o proceso.

-¿Por qué ten tanto éxito o programa?

-É un mecanismo que intenta previr. Non está pensado para situacións graves porque cando é así a mediación é moi difícil. A nosa experiencia é que grazas á formación conseguimos frear o que de outra maneira podería haber sido un acoso porque intervindo nos inicios pódese evitar a escalada do conflito. Para facer isto só se requiren ganas, sobre todo do profesorado, e unha mínima formación.