«É bo que a Administración sinta que existen organismos que controlan a súa actuación»

OURENSE

06 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Nemesio Barxa colabora co Movemento na súa condición de avogado, tentando «aportar o que se poda».

-¿Teñen utilidade informes coma este?

-Que existan organismos como o Movemento polos Dereitos Civís ou este tipo de informes é moi importante porque é certo que o cidadán en moitas ocasións pode chegar a sentirse ferido ou atacado polos recortes que se están a facer dos seus dereitos, e moitas veces non ve por onde se pode canalizar esa denuncia.

-¿E para a administración?

-Nese caso ven que hai organismos que vixían e que controlan para que non se poñan en práctica actitudes prepotentes ou de falta de liberdade. Moitas veces o cidadán non denuncia porque non ten os medios ou para non crearse problemas, máis é bo que Administración sinta que existen organismos que controlan as súas actuacións.

-Chama a atención que sexan as institucións as que son obxecto de denuncia por non facilitar información.

-Os cidadáns teñen dereito a recibir unha información veraz e a acceder aos documentos públicos, máis é a propia administración a que llos nega ou aporta só información parcial, recortando eses dereitos.

-¿O ataque ó dereito á intimidade seguirá sendo materia de polémica?

-O mal uso das cámaras de vixiancia está sendo denunciado e seguramente vai dar moitos problemas porque non está controlado como debera.

-As forzas de seguridade son asignatura pendente.

-Si, porque non aceptan que ti lle pidas que se identifiquen cando están facendo as súas funcións, cousa que ti si que estás obrigado a facer. É un dereito que tes como cidadán.