O responsable de Medio Ambiente pensa que a mellora dos ríos é o gran problema que ten pendiente Ourense
25 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Chegou á delegación de Medio Ambiente a finais do pasado mes de marzo, en substitución de Celso Fernández que se presentaba ás eleccións municipais. Oito meses despois, asegura que o balance é bo e que non se arrepinte de haber aceptado a proposta, aínda que recoñece que non lle está a tocar unha época tranquila.
-¿Envexa a etapa do seu antecesor?
-Hai que recoñecer que foi entrar eu e empezar a saírme fungos por tódalas esquinas. Pero tamén hai que entender que iso forma parte do ciclo político, O primeiro, despois dun cambio, son ás cuestións básicas. Despois é cando empezas a aplicar os proxectos en base ás novas políticas, e aí é ónde poden xurdir os conflitos sociais.
-Falando dun deses conflitos, ¿entende vostede o movemento social contra o parque de residuos de Carballeda de Avia?
-Para min é difícil de entender. É claro que se trata dun proxecto empresarial, pero tamén está claro que as empresas que van a ir alí terán que cumprir unha lexislación europea, española e autonómica, e a nós corresponde decidir qué empresa cumpre ou non. As motivacións que hai no fondo, políticas ou non políticas, a veces de boa fe ou as veces de mala fe, terá que explicalas cada un. Eu teño a conciencia ben tranquila no sentido de que teño claro que é un parque empresarial con carácter de reciclaxe, e que é o modelo que está hoxe apoiado por Europa.
-Á marxe do modelo, parece que o que se discute é o emprazamento nunha comarca de importancia vitícola.
-Non se elixiu unha zona agrícola. No monte onde irá emprazando non hai viñas, senón que é unha zoa, dende o punto de vista da vexetación, arrasada. Creo que está peor ubicado o parque de Ribadavia, en pleno val en terras fértiles.
-Si todo está tan claro ¿qué fallou para levantar tanta polémica?
-Eu creo que información houbo, incluso reunións cos sectores implicados. Non sei, sinceramente non sei o que puido haber fallado. Penso que a xente cando vexa as cousas funcionando si se acabará convencendo.
-¿E no caso da Zona de Especial Protección para Aves serven os mesmos argumentos?
-No caso da Zepa hai primeiro que lembrar que xa estaba proxectada e os estudios veñen de antes. Simplemente foi unha cuestión de oportunismo político non a ter presentado antes. Tocounos a nós cumprir coa lexislación europea. Non hai que esquecer que na Limia e o conxunto de Galicia se recibe moito diñeiro de Europa, e Europa tamén esixe que cumpramos unha serie de deberes. Este é o enfoque da Zepa. Que a esta problemática se sumaran grupos, por cuestión de oportunismo político, é tema aparte.
-¿Por qué se repiten as queixas de que falta información?
-O que podo dicir é que dende que empezou o tema, teño un dosier de duascentas páxinas de todo o publicado, incluído o decálogo dos do si e dos do non. Nunca houbo tanta información sobre un tema. O que se logrou foi xerar debate. O debate é bo nunha sociedade democrática, e do debate aprendemos todos. Ninguén ten a razón absoluta en ningún tipo de cuestión.
-¿Como ve a situación ambiental ourensá?
-Si falamos de calidade ambiental temos claro de que é necesario montar unha rede de recollida, reciclaxe e tratamento de residuos. Temos moito por facer na aposta polo coñecemento e valorización dos parques naturais, para que xeren diñeiro e ingresos para as comunidades onde se implantan. En materia de augas e saneamento, aínda que estamos avanzando, queda por facer. A conservación e mellora dos nosos acuíferos e ríos é o gran problema pendente. Estamos nunha situación aceptable, pero francamente mellorable. Temos problemas de fertilizacións excesivas, de vilas e pobos que verten directamente aos ríos. Hai que mentalizarse de que a auga, e non falo da termal exclusivamente, vai a ser un recurso clave para Ourense.
-¿E da fauna?
-Bastante ben. Paradóxicamente o abandono do campo e a recuperación e rexeneración natural dos bosques de frondosas foi espectacular e favoreceu á fauna. Aparte dos corzos, cabras montesas, xabarís e outras especies, xa podemos falar de tres anos seguidos de aniñamento do alimoche na serra de A Lastra. Os que peor o teñen son os acuáticos, polo que dicíamos da situación dos ríos e os vertidos.
-Din que somos un caramelo goloso para as empresas de enerxías alternativas.
-Hai que estar moi atentos e ser cautos nesta cuestións das enerxías alternativas, porque si ben é certo que poden xerar recursos, si se enchen de placas solares unha ladeira de O Ribeiro, por exemplo, o impacto incluso pode ser peor que o do muíño eólico ou os encoros.
-¿Cal é o seu obxectivo?
-O maior reto é que a xente entenda que o medio ambiente é un aliado, non unha ameaza para o desenvolvemento. O noso éxito ou fracaso estará na capacidade que teñamos de facer ver que preservar toda esta riqueza e mellorala é a mellor garantía de futuro. Si eu conseguira iso, me daría por satisfeito.