Antón Costa e Rosa Aneiros recibiron con emoción o premio Losada Diéguez

Jesús Manuel García OURENSE

OURENSE

El é autor dunha historia educativa de Galicia e ela, da novela «Ven visitarme o mar» O acto, que se fai en Boborás, organizouno este ano o Concello de O Carballiño

11 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Antón Costa Rico e Rosa Aneiros recolleron onte os premios Losada Diéguez de investigación e creación literaria respectivamente. Antón, polo libro Historia da educación e da Cultura en Galicia e Rosa pola obra Ven visitarme o mar . Para os dous, un bustiño de aluminio de Losada Diéguez e un cheque de 6.000 euros. «Puxen toda a miña enerxía intelectual neste libro», sinalou Costa Rico, unha obra feita, engadiu, «con certa paixón e cariño». Como dí o autor, estamos a construir unha nova escola galega. Rosa Aneiros emocionouse: «Non é mérito meu contar a historia. O meu libro é unha crítica a unha realidade xorda e cega. A historia -Mar Exeo e o Prestige- está aí e eu cubrina de palabras». Costa investigou a educación en Galicia desde o século IV ao XX. E Aneiros amosa os problemas da mocidade de hoxe que anda á procura dun lugar no mundo. O acto comezaba unha hora antes do mediodía coa misa na igrexa a carón do cemiterio onde se atopa Losada Diéguez. Cantou a Coral Casino do Carballiño e houbo ofrenda floral. Ao rematar, a Banda de Gaitas do Carballiño, Concello organizador este ano, abriu paso á comitiva ata o pazo de Losada, onde se fixo a entrega do premio. Enriba da escaleira atopábanse os galardoados máis o delegado provincial de Cultura, José Luis Pérez; subdelegado do Governo, Camilo Ocampo; o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta; o alcalde de Boborás, Cipriano Caamaño e, en ausencia do carballiñés, indisposto, estaban os concelleiros Pachi Vázquez e Inmaculada Ucha. O mantedor do acto, que empezou con media hora de retraso, foi o presidente do Chamoso Lamas, Francisco Fumega, quen fixo un percorrido pola época na que naceu e viviu Losada Diéguez e polas raíces do seu pensamento. A banda interpretou o Himno do Antigo Reino de Galicia no fermoso patio onde había xentes da universidade e da cultura como o profesor Alonso Estravís.