habitación propia

Xustiza poética


02/12/2016 05:00

A Habana foi a cosmopolita capital galega que non puidemos ter no territorio peninsular. Desde sempre, Cuba vive na memoria e na historia de Galicia. Tamén nós estamos instalados no seu imaxinario colectivo até o punto de ser o noso xentilicio sinónimo de hispanidade. Non en van a nosa man de obra substituíu á que denantes procedía da escravitude, sen demasiadas diferenzas nas condicións de traballo. Galegos e africanos servimos aos mesmos donos, e desa fusión naceu unha mestizaxe única e pouco frecuente noutros territorios colonizados. Pero tamén estivemos en lugares onde se tomaban grandes decisións, nomeadamente no mundo da prensa, coma o ourensán Curros Enríquez, o estradense Waldo Insúa, ou o boucense Isidoro Araújo, fundador e director do Diario de la Marina. E que dicir da política, mesmo cando se xestaba a Revolución liderada por un galego de segunda xeración, acompañado dunha equipa na que abundaban paisanos, coma os irmáns Ameixeiras, que deron nome a un dos máis importantes centros de investigación oncolóxica do mundo, ou a viguesa María Araújo, líder e referente das mulleres cubanas.

Da nosa pegada na Habana chegan a presentación do Himno Galego, ou a publicación de Follas Novas no prelo de Alejandro Chao, pagado con cartos reunidos polo Centro Galego. Ou o propio edificio neobarroco que mercou a nosa colectividade para crear o máis antigo dos centros galegos do mundo. Ou os innumerábeis e monumentais panteóns que lembran aos nosos ancestros no cemiterio de Colón. Sen esquecermos das obras sociais coas que se atenderon, solidariamente, as necesidades daqueles homes e mulleres que fuxían da miseria. Velaí o caso da maternidade Hijas de Galicia, fundada por mulleres traficadas e prostituídas en 1917, para o seu socorro mutuo, único caso no mundo con estas características.

José Martí admiraba a obra rosaliana, pois coñeceu desde o primeiro momento o seu segundo poemario no que publicaba «Prá Habana me vou: Galicia está probe, i á Habana me vou... Adiós, adiós, prendas do meu corazón!». Debeu identificar naquel laio o sufrimento dun pobo maltreito e adoecido por inxustizas semellantes ás que motivaban aos independentistas conducidos por el. A dozura e profundidade da obra literaria de Martí impregnou de cubanía a un pobo que adoptou os seus Versos sencillos ao xeito en que o galego o fixo cos poemas de Rosalía, poñéndolles música e converténdoos en cultura popular. Martí e Rosalía son un fermoso exemplo da conexión entre as nosas almas.

A morte de Fidel Castro volve chamar a nosa atención sobre un país e unhas xentes que nos son sumamente queridos. Haberá tempo para a reflexión política, pero hoxe podemos concedernos un tempo para a complicidade. Nunha das miñas visitas á illa pasei por diante dun portal onde un letreiro anunciaba: «Sotomayor, pintura al óleo». Inmediatamente lembrei ao grande pintor galego e entrei. Recibiume un home moi vello coa pel de charol. Díxome que era o seu neto. Sorrín e non quixen indagar máis. Xustiza poética, pensei, porque, se non era certo, debería selo.

Votación
11 votos
Etiquetas