O soldo dos políticos e a demagoxia

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

30 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Imaxino que Fidel Castro non tiña asignado un soldo. Aquí e agora non se discute que os políticos deban cobrar un soldo, pero a demagoxia que acampou nos medios e nos mitins, e partindo de que todos os políticos son uns ladróns, estendeu a idea case unánime de que deben de cobrar o menos posible. Discrepo absolutamente da democracia a custe cero, de que os nosos representantes estean mal pagos e sexan considerados por principio presuntos corruptos. O asunto non é novo, nas primeiras eleccións municipais da transición, algúns partidos de esquerda, mentres intentaban arrebatar os concellos aos herdeiros do franquismo, defendían que os alcaldes non cobrasen. Cando chegaron ao poder municipal, só os funcionarios puideron permitirse ese luxo nalgunhas vilas pequenas ao prezo de compatibilizar ambas tarefas. Traballar sen cobrar é un luxo que só algúns se poden permitir. Aínda que en realidade o que lles gusta a outros é cobrar sen traballar. Por iso, segundo o Portal de Transparencia do Goberno de España, nas declaracións da renda de moitos políticos populares que hoxe son presidentes e ministros, constan os sobresoldos que cobraron. Habería que seguirlle a pista ao diñeiro.

Resumindo: uns non queren cobrar, outros cobran de máis e outros non consta que cobren. Logo está Trump que, como as tendencias da historia son universais, acaba de renunciar ao seu soldo, para celebración de demagogos varios. Entre os que aquí, agora e dende a esquerda militante, queren reducir radicalmente o soldo dos políticos imaxino que abundan os benintencionados sen hipoteca, os solteiros sen dependentes ao seu cargo -menores ou maiores- ou con herdanzas abastadas e pouca vida laboral e familiar ás costas. Case sempre homes. Pouco republicano todo isto, pois os republicanos en orixe ligaron representación e impostos e sempre propuxeron limitar a herdanza, empezando polo rei -do que prescinden- para baixo.

Hai unha carreira de xestos de toda a esquerda por amosar o maior desprendemento. O chusco é que a saída desa carreira deuna a dereita nas eleccións galegas do 2009 cando se puxo a perseguir os «luxos» dos outros. Cando un partido propón -un supoñer- prescindir de coches para os membros da Mesa do Parlamento galego, o seguinte di que cómpre ademais eliminar as compensacións que reciben por esa función. Todo para descubrir despois desas pomposas renuncias que no Parlamento español, para exercicio das súas funcións, non só os membros da Mesa, senón cada un dos presidentes das 25 comisións parlamentarias teñen coche, chofer e asistente. Eses medios alí serán necesarios ou non, pero mentres, aquí minguamos as dotacións do autogoberno.

Os políticos deben estar ben pagos e de corrompérense que respondan dos seus actos e asuman as súas responsabilidades sen misericordia. E se os pillados xogando ao Candy Crush no Congreso non poden ter aínda mais que dicir, como Celia Villalobos. Vergonza debería darlles -que non lle dá- non saber distinguir ocio e negocio, ser mal exemplo para as nosas fillas e uns incompetentes representantes. Carmen Polo instou a Franco a poñerse un soldo en presenza do seu cuñado e ministro Serrano Suñer. Coma sempre, Franco calou, pero Serrano dixo que primeiro tiña que polo por escrito nunha lei.