O resultado das eleccións galegas

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

23 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un mes, o PP galego tiña perdidas as eleccións. Se as gaña o domingo -para facelo precisa maioría absoluta- será porque logrou convencer aos votantes de que en Galicia é un partido de goberno eficaz que nada ten que ver coa corrupción, nin coa mala xestión da crise financeira e das caixas, co deterioro da sanidade nin coa sangría migratoria dos nosos fillos. Nada. Todos facemos prognósticos sobre o que pasará o domingo. Incluso porras. Na miña experiencia, nestas apostas entre amigos sempre adoitan gañar aqueles -amigas de cote- que din non saber nin entender de política, pero que albiscan o que os demais non queren ver ou agochan. Posiblemente nunca houbo tanta incerteza nin tantas cautelas respecto dos inquéritos como desta volta. O vaticinio semella arriscado pero algo pode aventurarse: xuntando a interpretación dos datos dunha demoscopia vida a menos e cangada de erros nos últimos anos, algo de práctica e o seguimento das novidades no sistema político e nas reaccións sociais.

O PP ten desta volta problemas que nunca tivo, alén do desgaste provocado pola corrupción e o mal goberno. Ten en Ciudadanos unha competencia electoral directa no seu terreo e a maiores outra en Ourense chamada D. O. Rajoy acampou dous días nesa provincia, non porque non queira verse con Feijoo, senón para reforzar o partido e arroupar ao demediado barón Baltar. Pódese pois prever unha combinación de fugas de votos que fará case imposible ao PP revalidar os seus 41 deputados actuais, 4 por riba da minoría, e moi difícil reter os 38 necesarios para gobernar en solitario. Agora sóbralle un por provincia pero danse condicións para que perda ese colchón. Seralle complicado revalidar esa maioría absoluta.

Non foi só a corrupción sistémica polo financiamento ilegal e a fraude, que xa non é pouco, tamén a incapacidade para a reacción fronte aos corruptos que tivo e ten dentro o PP. Os seus dirixentes demostráronse inútiles para garantir a transparencia, encargándolle a comisión parlamentaria de transparencia a un deputado comisionista, incompetentes para tomar decisións exemplares e alonxar as sombras que os asombran. Ademais estaban no poder: nos últimos catro anos os gobernos de Feijoo exhibiron unha forma de ocupación do poder que non constrúe case nada fóra do tempo electoral e por razóns electorais. Só hai que ver os logros de que presume para atopar o lume que anuncia un incendio de grandes proporcións.

As condicións nas que perder a maioría creounas o propio PP, facendo verdade a vella idea conservadora de que as eleccións nunca as gaña a oposición, senón que as perden os gobernos. Por iso apareceron competidores na dereita. Por iso o concello galego onde máis votan a Ciudadanos é Oleiros, un residencial de profesionais acomodados que non queren sentirse enlamados pois non viven de rendas, das migallas do poder ou do conto, senón do seu traballo. Por iso apareceron competidores transversais e novos na esquerda, o maxistrado da Marea ou o xiro das primarias do PSdeG. Por iso o minguante BNG, sen moverse do sitio, mantense para un sector na eficacia electoral. Por iso, aínda disimulando erros e facendo unha boa campaña, o PP pode perder as eleccións.