Non a coñezo de nada. Nunca tiven ocasión de falar con ela. Para a progresía dos anos 70, á que xeracionalmente pertenzo, a súa figura representa o populismo musical da pachanga e a verbena, os casetes que os emigrantes mercaban nas gasolineiras, o folclorismo (sen gaiteiros), digámolo abertamente: a folclorada. Pasáballe algo parecido a Os Tamara. Ou a Andrés do Barro, outro fenómeno a considerar. Música de festival, cos vellos a mirar e as mozas a bailar agarrado agardando a parella. Nós estabamos noutros lerios: Bob Dylan, os Beatles, Simon and Garfunklen, os cantautores? O noso, xeracionalmente quero dicir, era o «novo estilo», o compromiso, outra estética, sen decatármonos de que unha cousa non debe nin ten por que matar a outra e o que nós considerabamos tan moderno no fondo era simplemente outra onda, a que nos metían tamén pola televisión, a industria discográfica (deseñada dende a Gran Bretaña e cada vez máis dende EE. UU.), outro tipo de consumo, outras modas, seguramente tamén outras referencias, outros prexuízos. Ana traballaba mundos diferentes.
Cando gravou «Galicia, terra meiga», de Manuel Muñiz, no 73, deu un salto cualitativo: a emigración. Os nosos emigrantes, en Europa sobre todo, adorábana. E entendíana, se cadra coma non entendían o noso: a Nova Canción Galega, os Voces Ceibes. Mundos diferentes, repito. E converteuse na gran referencia para unha grande parte da nosa xente. Saltou a América e meteu nun só concerto 25.000 espectadores, cantando en galego.
En 1991 suxerinlle a Úrsula Heinze un libro de conversas con mulleres (Xerais). Mulleres nosas. Mulleres que tivesen algo que dicir: María Casares, Margarita Ledo, Victoria Armesto, María Moreira, Mercedes Rubial, María Xosé Queizán, Maruxa Villanueva e Ana Kiro. Voces moi diversas, como se pode ver. Úrsula fixo un excelente traballo. O seu libro segue tendo un grande interese, como documento e mais como xénero xornalístico (a entrevista). Traballamos con el na facultade. Nas súas páxinas descubrín a personalidade de Ana Kiro, a súa historia, a súa loita pola vida, a súa vocación, os seus planteamentos vitais, emocionais, mesmo ideolóxicos. Descubrina e sorprendeume. «Non existen palabras para describir as sensacións cos emigrantes. Necesito o cariño da xente, é un estímulo para min. O máis emocionante que podes imaxinar é saír a un escenario e o primeiro que recibes é unha gran ovación, o público de pé, e aquela ovación non acaba, ou polo menos a ti parécecho. É tan bonito?».
Empezou en Cataluña, onde durante un tempo tivo o seu centro de operacións, e a onde chegou emigrante con nove meses a nena de Castañeda, concello de Arzúa (1942): María Dolores Casanova González. Ninguén lle regalou nada. O que logrou, logrouno de seu, co seu esforzo e a súa afouteza. Seica agora pasa por momentos difíciles, limitada por unha enfermidade grave, e vén de recibir hai poucos días o cariño dos seus admiradores e amigos. Sen grandes algueiradas. Co paso da formiguiña, coma foi sempre. Benzóns.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios