Contáronmo ou soñeino. Durante as manifestación do pasado Cumio do Clima de Copenhague, a policía danesa cargaba contra os ecoloxistas con paus feitos de madeira de bosques sostibles. Os gases lacrimóxenos facían afogar aos manifestantes, pero o certo é que estaban homologados para contaminar o menos posible. Os axentes, en fin, calzaban botas de coiro sintético no que figuraba un selo que garantía que non se matara animal ningún para fabricalo. Despois de todo, Dinamarca é Dinamarca e, aínda que Shakespeare faga dicir a Hamlet que alí «algo cheira a podre», poucos países hai no mundo que se preocupen máis de que o medio ambiente estea limpo.
Perante estes policías había persoas chegadas de todas partes do mundo para protestaren polo quentamento global e outras cousas. Uns leábanse a patadas coas cristaleiras dos McDonalds para así amosar o seu desgusto coas multinacionais, se ben o pé que daba as patadas calzaba uns Nike feitos na China. Outros incendiaban unha barricada con gasolina comprada a Exxon Mobil, o que facía que unha nube de CO2 sobrevoase permanentemente a manifestación como unha tormenta, ou como un deses símbolos do malhumor que aparecen nos tebeos. Moitos tomaron fotos de todo isto cos seus teléfonos móbiles de última xeración e colgáronas en Facebook e Google, onde apareceron orladas da publicidade automática dunha empresa de recollida de residuos nucleares.
A batalla campal durou tres días. Feridos, detidos, desfeitas? Mais cando todo acabou pasaron por alí os servizos de limpeza municipal. Uns empregados vestidos con uniformes de astronautas separaron o cristal roto e as balas de plástico da policía, xuntaron o metal dos coches calcinados co dos botes de fume, os zapatos desaparellados e os restos orgánicos e inorgánicos, e metérono todo en contedores perfectamente etiquetados para levalos en camións ás fábricas dispersas polo rural danés, pero tan ben disimuladas que son inapreciables a simple vista.
Xa empezaron a saír algúns destes materiais tratados por medio dun proceso de reciclaxe. Do plástico das botellas de auga mineral abandonadas polos manifestantes fixéronse algúns escudos novos para os antidisturbios, e das balas de goma elaboráronse solas de zapato deportivo que comprarán os futuros manifestantes. O mundo é así: unha empresa de reciclaxe global sometida á lei da conservación da enerxía no que nada, nin as cousas nin as ideas, nin se crean nin se destrúen senón que unicamente se transforman.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios