Vou de manifestación. Vou eu e mais os meus fillos, que xa non son uns rapaces: vinte e seis e dezanove anos. Imos xuntos a prol da lingua e contra ninguén, isto paréceme importante: contra ninguén. Imos porque queremos expresar desta maneira o interese e o amor polo noso idioma, a lingua que nos leva xuntos, que compartimos, e na que nos recoñecemos. Ía dicir a lingua dos avós e dos nosos pais, e sinto que algo se rompe. Os meus avós falaban galego entre eles, sobre todo cando se enfadaban, pero cos netiños non, cos netiños falaban castelán, igual que os nosos pais connosco. Pertenzo á xeración da Galicia urbana que nos anos cincuenta e sesenta fomos educados para saír adiante, para sobrevivir, para ser coma o médico que viña visitarnos na casa, o catedrático do instituto que nos explicaba a ciencia, o funcionario do concello que despachaba expedientes, non coma o labrego analfabeto nacido nunha aldea de Sela, que marchou á guerra de África (e andou logo por todas as guerras) e deprendeu no exército as catro regras, ás que lles debía a vida, a súa condición de ser humano. Ese era o meu avó.
Cos meus fillos, non sen esforzo, non sen unha toma de posición moi consciente, recuperamos o elo da cadea: os meus fillos foron incorporados á vida en galego, dende o principio, e en galego abríronse ao mundo e aos coñecementos, nun salto cualitativo que deu este país certamente xigantesco, no marco das liberdades democráticas da constitución española e o Estatuto de Autonomía. Por primeira vez na historia o idioma dos galegos recibía recoñecemento oficial, en pé de igualdade co idioma común do Estado, e ten os seus dereitos, que reivindicamos.
Pero algo vén roto de atrás, e aquí é onde quero centrar a miña reflexión, ilustrada coa experiencia persoal. O gran problema da lingua, mesmo para construír un equilibrio harmónico coas linguas todas do Estado (e coa contemporaneidade), é a ruptura xeracional que nun determinado momento, froito das presións do poder e do desprezo, se produciu entre pais e fillos, avós e netos, cando os primeiros interiorizaron psicoloxicamente o fracaso e renunciaron ao código cultural e afectivo que os unía: a representación simbólica do mundo, que non outra cousa é un idioma. O gran problema (e gran desafío histórico) do galego é esa ruptura, que fai que, mesmo de boa fe, moitos pais e nais non lles falen aínda aos seus fillos da súa propia lingua. Unha renuncia que se fan a si mesmos, vítimas dun proceso histórico, e unha riqueza que lles negan aos que veñen detrás. Por iso nos manifestamos. Non contra ninguén, repito, senón a favor do futuro.
Un dato para a esperanza. Son profesor da universidade. No primeiro curso de facultade teño este ano matriculados corenta e seis alumnos: rapaces urbanos e rapaces da Galicia rural, metade a metade. Númerus clausus, porque a especialidade ten moita demanda e o corte de nota da selectividade está entre os máis altos. Dos corenta e seis alumnos matriculados, só tres se expresan en castelán.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios