Unha cousa hai que recoñecerlle á Cidade da Cultura de Gaiás, e é a súa indiscutible galeguidade. Xa sei que esa non era a idea inicial do arquitecto, pero ao final resulta todo un monumento á Galicia rural. Gaiás é como as nosas aldeas máis tradicionais: catro casas en poboamento disperso, con pouco futuro e fortemente dependentes do caciquismo. O único que lle falta é unha igrexa, e un bar onde vendan tabaco e La Voz.
Gaiás pódese ver, mesmo, como o cumio do xénero construtivo máis noso e tradicional. E non me refiro ás pallozas, os pazos ou o paseo marítimo pagado pola Unión Europea, senón ao feísmo arquitectónico, o noso vello e querido feísmo arquitectónico. Gaiás elévao á categoría de arte, fai del algo estético e vangardista. Estamos a falar aquí dun feísmo multimillonario e de marca; o que se podería chamar feísmo de autor . E non porque as edificacións sexan feas en si mesmas, senón pola provisionalidade permanente na que parece que van quedar, e que é o que caracteriza ao feísmo como estética. O arquitecto Eisenman suma así o seu talento famoso ao dos milleiros de anónimos aparelladores amateur e as súas creacións con ladrillo visto e uralita verde. ¿Que cousa hai máis galega, despois de todo, que un edificio enorme sen rematar e sen pintar?
Xa sei o que estarán pensando algúns: que tamén o Taj Mahal quedou sen acabar, leva séculos deshabitado, e ninguén llo bota en cara á empresa construtora, o que é certo. Todo o contrario, de feito: o Taj Mahal é unha das maiores fontes de ingresos turísticos para a India. Tamén aquel palacio foi o capricho dunha soa persoa de dilatada traxectoria política, o emperador Shah Iahan (fundador dunha especie de fraguismo hindú do século XVII), e iso é xustamente o que atrae aos turistas: o desexo de contemplar o malgasto que fixo este home cos cartos do erario público.
Así que, ¿por qué non facer nós outro tanto e promocionar Gaiás da mesma maneira? Non como o edificio útil que nunca vai ser, non nos enganemos, senón como a construción inútil que indiscutiblemente é. Abondaría con proporcionarlles aos guías unha fotocopia cos gastos de construción, e sobre todo cos de mantemento (porque o Gaiás é singular ata nisto de ser un edificio que custa case máis mantelo que construílo). En verdade que, por comparación, o Taj Mahal ía parecer tan útil coma un centro de saúde.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios