Presentamos na Universidade de Barcelona a correspondencia cruzada entre Basilio Losada e Ramón Piñeiro (1961-1984), contextualizada e anotada polas profesoras Helena González e María Xesús Lama: 453 cartas. Crónica dialogada da resistencia galeguista entre os primeiros anos sesenta, cando en Barcelona xorden as primeiras Mocedades Galegas, lideradas por un activo e eficaz Manuel Caamaño (que logo viría a crear a Asociación O Facho na Coruña), ata decembro de 1984, a derradeira carta, na que Losada envía a Piñeiro unha fotografía do acto no que o segundo recibe de Jordi Pujol a Creu de Sant Jordi, unha das máximas distincións da Generalitat. Daquela o uso do teléfono e a posibilidade de contactos máis frecuentes xa minguaran a intensidade da correspondencia.
No acto participou tamén o profesor Xosé Antonio González Casanova. Chegara moi novo a Santiago contra finais de 1967, catedrático de Dereito Político, con sona de esquerdista e catalanista, e lembrou a relación con Piñeiro, con Domingo García-Sabell e con Marino Dónega sobre todo, «paladíns do galeguismo» -segundo as súas palabras- que o acolleron e agasallaron durante os catro anos de estadía nas aulas compostelanas, converténdose en referentes e principais informadores da idea de Galicia nese período, moi principalmente Piñeiro. ¿Había outras ideas de Galicia? Sen dúbida, mesmo dentro do propio galeguismo e da resistencia antifranquista, igual que no marco estrito do réxime, e no exilio. Pero debemos recoñecer, coa perspectiva que fornece o tempo, que a figura de Ramón Piñeiro, arredor do núcleo de acción política e cultural que daquela podía representar a Editorial Galaxia, álzase con extraordinario vigor neses anos. A figura de Ramón Piñeiro, incluso se a ollamos dende a discrepancia, marca un período decisivo para a cultura e para a configuración política da Galicia de hoxe: o que vai dende o final da Guerra Civil á transición democrática e a autonomía de 1980.
Na intervención de Basilio Losada, aquel mozo de Láncara (1930) que nos primeiros anos sesenta iniciaba os seus pasos na vida profesional catalana e que coñece a Piñeiro a través de Manuel Caamaño, houbo unha definición do labor piñeirián que me pareceu extraordinariamente clarificadora. «A miña emoción de rapazote, fillo de emigrantes, que viña a Galicia nos veráns», confesa Losada, «era a emoción do tempo pasado, o paraíso perdido, o arrecendo da xesta nos camiños, que me conmovía e me emocionaba, incluída a lingua dos meus, lingua que non podía falar en Cataluña fóra do estrito ámbito doméstico. Mais era a emoción do pasado, a emoción melancólica do que se nos vai e perdemos para sempre. A relación con Ramón Piñeiro, a idea que el nos transmitiu do galeguismo era exactamente a contraria: sentir Galicia ollando cara adiante, soñar e emocionarse non coa memoria do que fomos, senón coa ilusión do que podemos entre todos construír».
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios