A cuestión podemos enfocala de dúas maneiras: de fóra a dentro, laiándonos da incomprensión dos outros, ou da inxustiza do tratamento que recibimos; ou podemos enfocala de dentro a fóra, intentando comprender por que se producen estas situacións e ver o xeito de corrixilas. A problema non son tanto as opinións do señor Steiner, figura internacionalmente recoñecida no mundo da crítica literaria, pero que neste caso amosa unha lamentable desinformación sobre a literatura galega, impropia dunha autoridade do seu nivel, agravada pola intoxicación ambiental que nos últimos tempos estamos a padecer, como as limitacións obxectivas da nosa realidade cultural para darse a coñecer fóra dos nosos ámbitos específicos. Estou a falar da nosa política cultural cara ao exterior.
¿Que saben de nós polo mundo adiante (incluído o señor Steiner)? ¿Que debemos facer para superar ese descoñecemento? As declaracións do prestixioso crítico evidencian desinformación grave, e atrevemento no xuízo, pois certamente a literatura galega constitúe unha das literaturas que constrúen o discurso literario europeo, moi especialmente na Idade Media, co riquísimo patrimonio do cancioneiro medieval, que nos conecta co mundo, sobre todo a través do Camiño de Santiago (o Camiño Francés), mais tamén con figuras sobranceiras coma Rosalía de Castro, ou máis contemporáneas como Álvaro Cunqueiro, por citar algúns casos que George Steiner debería coñecer.
Mais a cuestión é outra. ¿Como actuar para superar ese descoñecemento de nós, que efectivamente existe e que, nestes tempos de globalización e fronteiras abertas, é moito máis grave, porque o que non se coñece dificilmente se pode valorar, nin amar, nin considerar sequera? Cando hai vinte anos visitei por primeira vez a Feira Internacional do Libro de Frankfurt tiven que explicar aos meus colegas europeos onde estaba xeograficamente Galicia, para que non a confundisen coa Galitzia ucraína-polaca, por exemplo, que ten a Chopin e ao papa Wojtila, entre outras referencias, e acabei falando do Camiño de Santiago. O Camiño (un feito relixioso, simbólico, cultural) deitaba a luz que necesitaba, e con el, a música medieval, Martín Codax, as Cantigas de Santa María , a nosa ubicación na Fisterra atlántica, o celtismo, a lingua, tópicos ás veces superficiais, pero que abrían a primeira porta e nos daban un lugar no mundo.
Os nosos artistas plásticos hai tempo que romperon fronteiras. Outrosí os nosos músicos, con intervencións practicamente nos cinco continentes. Unha parte importante dos nosos escritores e escritoras están a ser traducidos ás linguas cultas de proxección máis universal. E á par deles, as nosas iniciativas empresariais, os nosos produtos competitivos (traballados con calidade), a nosa capacidade para xerar coñecemento. É por aí por onde debemos avanzar e onde debemos investir. Para que o señor Steiner (e outros coma o señor Steiner) non poidan ter o xuízo tan lixeiro.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios