Os programas electorais das anteriores eleccións autonómicas xa son historia. Poderían gardarse no Arquivo Nacional da Cidade da Cultura, pero o edificio está a medio construír. Aínda que pola súa capacidade didáctica, máis ben lles correspondería estar no proxectado Museo dos Nenos. Se fose cousa de telos que ler con calma e profundidade, o seu sitio estaría na Biblioteca Nacional tamén ubicada no Gaiás. Para non andar con moitas voltas e como foron noticia de primeira plana, o máis conveniente será telos a disposición do público noutra das creacións de Eisenman, nomeada co rótulo de Hemeroteca Nacional.
O caso é que non van andar por ningún destes magnos edificios, polo menos ata dentro de dous ou tres anos. Iso se é que non os hai que subir en teleférico. Daquela moi poucos van ser os usuarios que soliciten ver o orixinal ou unha copia de tales documentos. O mesmo destino lle espera as promesas electorais que toca escoitar neste período de eleccións anticipadas.
É mais fácil ter votantes que conseguir visitantes de museos. Para ter éxito de visitas a un museo fai falta unha boa programación, ofrecer pezas de calidade, un traballo previo de recollida, selección, actualización e moitos anos de saber acumulado. O éxito para ter votantes baséase nas promesas efémeras. Na imaxe baleira pero ben coloreada e rexuvenecida.
Como non é o mesmo un visitante que un votante, ninguén do Goberno bipartito vai mover un dedo para salvar da desertización e o abandono os espléndidos museos que temos en Galicia. Algún mellor que non o intente ou rematariamos por ver unha festa do percebe ao espeto no CGAC ou aos Tonechos no Museo das Peregrinacións.
Aqueles programas electorais que levaron á vitoria ao PSdeG e ao BNG para nada falaban da continuidade ad infinitum da Cidade da Cultura, do plus para os altos cargos, de esnaquizar unha ría cunha planta de gas ou da destrución do Courel. Agora, despois da primeira lexislatura dun bipartito desilusionante por continuísta, remendeiro e claudicante ante os poderosos, necesítase algo máis. Unha posibilidade certa dun futuro mellor para a calidade de vida dos habitantes deste territorio. Un programa electoral que non poña en venda a Galicia e no que se tomen medidas para encher os museos antes que as prazas de touros.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios