Pasou o día, pasou a romaría e hai que volver poñer os mobles no seu sitio, tal que advertía nestas páxinas Camilo Franco. A realidade social da lingua galega segue sendo a que é, malia os avances logrados (que tampouco hai que negalos). Viaxe o lector polo dial radiofónico. ¿Que atopa, fóra das ofertas da Radio Galega e algún programa ocasional, subvencionado as máis das veces? Achéguese o lector aos quioscos de prensa. ¿Que ten para escoller? ¿E as ofertas de televisión? ¿E o cinema? ¿E as novidades editoriais? ¿E a programación musical? ¿E a publicidade?
A lingua galega, que segue sendo a lingua maioritaria da nosa xente, vive practicamente expulsada dos grandes mecanismos contemporáneos de socialización, fundamentalmente dos medios de comunicación de masas, ou ten serias dificultades para se facer ouvir neles. Curiosamente (significativamente) é na Internet onde máis presenza ten, pola iniciativa das novas xeracións e polas facilidades obxectivas de expresarse nese medio sen atrancos, sen filtros previos, sen estratexias de intermediación empresarial.
A Consellería de Educación anuncia un informe sobre a presenza da lingua galega nas aulas, estudo que seica están a realizar os cadros de inspección educativa. Non sei se son os inspectores os máis indicados para facer semellante exploración, francamente, dada a súa condición de parte no problema (no que teñen moita responsabilidade). Dende fóra, con fillos escolarizados, con experiencia profesional e con coñecemento de causa, ben podemos dar conta do incumprimento manifesto da lei vixente (50% en galego, 50% en castelán), ou dun cumprimento vergonzante e cativo, ademais de falta de motivación, escaseza de recursos, etcétera.
Non abonda con declaracións litúrxicas. Á lingua galega pásalle como aos comedores amoblados da nosa infancia. Ocupábanse con moita fachenda o día do patrón (o Día das Letras) e, unha vez pasada a romaría, todos outra vez para a cociña. O problema preséntase cando se trata de compartir o comedor os 365 días do ano. Alguén dirá: «Antes nin iso». De acordo. Pero resulta escandaloso escoitar afirmacións coma que «o español está a ser desterrado de Galicia», tal que puidemos ler nalgún medio de proxección estatal estes días. Hai poucas semanas tiven que explicar en Madrid, cualificado de abertzale, que aquí non multamos á xente por anunciarse en castelán, como algúns na mesma mesa afirmaban (a mentira de Goebbels), mesmo axitando a bandeira da mobilización social. ¿Que tóxico ten o galego para que tanto medo provoque?, preguntábase hai pouco Carlos Callón. O tóxico da liberdade. O tóxico do dereito á dignidade, incluído o dereito a pensar por nós.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios