pub
LVDG_PUBLICIDAD:12:sec.opinion
portada de La Voz de Galicia

Buscador de contenidos

Elige:

MANIFESTO : Universidade e investigación

Un grupo de Profesores de recoñecido prestixio, de diferentes áreas da USC, reivindican o papel e relevancia da investigación na Universidade

Fecha de publicación:

É un feito incuestionable que con antelación á transición democrática, a actividade investigadora na Universidade española no seu conxunto era moi escasa e dependente exclusivamente do voluntarismo persoal dunha serie de Profesores. Afortunadamente as cousas teñen cambiado, e no momento actual case o 60% dos investigadores do noso país atópanse desempeñando o seu labor nas Universidades. A Universidade debe liderar o progreso cultural e tecnolóxico da Sociedade en tanto en canto é a institución responsable da xeración e transmisión do coñecemento e da cultura. Para poder cumprir con eficacia dita misión é fundamental que o profesorado universitario se involucre de forma competitiva en tarefas de investigación, creación e descubrimento.

As Universidades que encabezan a clasificación das mellores do mundo forman aos mellores profesionais e teñen sido claves para o desenvolvemento socioeconómico e tecnolóxico do seu entorno. Por iso, ditas Universidades deberan servir como modelo de referencia no obxectivo último de conseguir reverter á sociedade, que é quen nos financia, os mellores resultados tanto en termos de formación dos nosos estudantes, como de desenvolvemento tecnolóxico e contribución ao benestar social.

Parece logo lóxico que se desexamos alcanzar resultados óptimos, nos fixemos nas políticas levadas a cabo por aquelas Universidades que alcanzaron máis éxito, tomando nota así mesmo de cales son os factores que explican por que non estamos ao seu nivel. Se o facemos, veremos que ditas Universidades se caracterizan por ter un claro perfil investigador, e nelas, á beira das aulas, están os laboratorios e espazos de investigación nos que se busca contribuír o avance do coñecemento e da tecnoloxía.

A maioría das universidades reflicten o perfil mixto docencia-investigación nas xornadas laborais do profesor, definindo cada ano nos seus obxectivos profesionais a porcentaxe de dedicación á actividade docente nas aulas, dependendo da maior ou menor implicación en tarefas de investigación. Moitas Universidades españolas, incluíndo as da Coruña e Vigo, considérano nos seus plans de organización docente cada curso académico. Con todo, a Universidade de Santiago de Compostela, que se chama a se mesma investigadora, non aprobou ata datas moi recentes un modelo inicial e bastante tímido de recoñecemento ao esforzo investigador levado a cabo polo seu profesorado. Se esta iniciativa non se consolida e reforza, é obvio que se acabará xerando un importante desánimo nun sector de profesorado que mantén unha intensa actividade investigadora, así como no colectivo dos mozos investigadores. Unha das consecuencias inmediatas deste desanimo podería ser a diminución dos recursos externos captados pola nosa institución, o que tería unha influencia moi negativa na nosa capacidade docente e investigadora e na actividade de moitos estudantes é técnicos. Este non é un punto baladí, tendo en conta que actualmente a nosa Universidade ten empregadas máis de 1300 persoas con cargo a proxectos e contratos, persoal que non forma parte da plantilla docente da Universidade.

O feito de que na USC xa exista un bo número de Profesores que realizan investigación de alta capacidade debéranos permitir mirar con certo optimismo aos novos retos que o século XXI expón ás Universidades. Sen embargo, para afrontar estes retos nun entorno cada vez máis competitivo necesitamos recoñecer e visibilizar o esforzo investigador dos nosos Profesores, tanto cualitativa como cuantitativamente. Ata o de agora non ten sido así, xa que o número de horas de dedicación a docencia dos Profesores da USC que fan investigación competitiva son as mesmas que as dos que non realizan actividade investigadora.

Sirva pois este escrito para apoiar todas as medidas que se leven a cabo dende o goberno da USC para recoñecer de forma clara, valente e axeitada o esforzo e a actividade investigadora dos seus membros. Por moito que se queiran desviar atencións en base a argumentos de tipo político ou sindical, é esta actividade investigadora a que realmente contribúe a aumentar o prestixio internacional da institución, captar mais recursos externos e formar aos mellores profesionais. Non se trata de eximir os profesores-investigadores da actividade docente clásica, senón de apoiar e incentivar de forma diferenciada aos que son mais competitivos en tarefas de innovación e investigación. Convén sinalar que ditas tarefas de investigación conlevan en si mesmas unha moi importante labor en termos de formación e docencia.

O recoñecemento da actividade investigadora debe ser unha constante non só na programación docente senón tamén en todas as accións relacionadas coa política do profesorado universitario, sobre todo en temas de selección, promoción e incentivación, e dotación de espazos. O contrario sería un gravísimo erro e unha clara inxustiza cara á sociedade que nos financia, á que debemos render contas. Dita sociedade espera de nós que sexamos capaces de proporcionar unha formación ao nivel da dos mellores centros do mundo, e que teñamos un rendemento acorde con papel de liderazgo que debemos asumir.

Pensar que co actual modelo de voluntarismo persoal, sen recoñecemento algún do esforzo investigador, podemos acadar o nivel de calidade que os nosos estudantes e a sociedade en xeral nos reclama sería ancorarnos nun modelo propio da España autárquica e atávica de fai varias décadas.

Firmantes:

Carlos Dieguez González. Catedrático. Fisioloxía

Mabel Loza García. Profesora Titular. Farmacoloxía

José Luis Mascareñas Cid. Catedrático. Química Orgánica

Juan Manuel Lema Rodicio. Catedrático. Enxeñaría Química

Carlos Pajares Vales. Catedrático. Física de Partículas

Alfredo Bermudez de Castro. Catedrático. Matemática Aplicada

Ermelindo Portela Silva. Catedrático. Historia Medieval

Alfonso Rey Alvarez. Catedrático. Literatura Española

Mª Mercedes Brea López. Catedrática. Filoloxía Románica

Angel Carracedo Alvarez. Catedrático. Xenética

José Antonio Caride Gómez. Catedrático. Pedagoxía Social

Luis Iglesias Feijoo. Catedrático. Literatura Española

Jesús Salgado Velo. Catedrático. Psicología

Felipe Macías Vázquez. Catedrático. Edafoloxía

Luis Castedo Expósito. Catedrático. Química Orgánica

Ramón Estévez Cabanas. Catedrático. Química Orgánica

Carlos Gomez Reino. Catedrático. Óptica

Juan Ramón Granja Guillán. Catedrático. Química Orgánica

Fernando Domínguez Puente, Catedrático. Fisioloxía & Fundación Publica de Medicina Xenómica

Josefa Fernández Pérez. Catedrático. Física Aplicada

Mª Carmen Pallares Méndez. Catedrática. Historia Medieval

Javier Benavente Martínez. Catedrático. Bioquímica e Bioloxía Molecular

Juan Zalvide Torrente. Profesor Titular. Fisiología

Rafael Cela Torrijos. Catedrático. Química Analítica

Juan J Gómez-Reino Carnota. Profesor Titular. Reumatoloxía

Jose Luis Labandeira Garcia. Catedrático. Anatomía e Embrioloxía Humana

José Rivas Rey. Catedratico. Electromagnetismo

Paulino Martínez Portela. Profesor Titular. Xenética-Veterinaria

Teresa Fanego Lema. Catedrática. Filoloxía Inglesa.

Enrique Guitián Rivera. Catedrático. Química Orgánica

Ramón Arce Fernández. Profesor Titular de Psicoloxía Social e Xírica

 

ENVIAR NOTICIA  

MANIFESTO Universidade e investigación

Un grupo de Profesores de recoñecido prestixio, de diferentes áreas da USC, reivindican o papel e relevancia da investigación na Universidade

* Campos obligatorios
Enviar a:
Tus datos:
 

ENVIAR NOTICIA  

Su envío se ha realizado correctamente

En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia

Gracias por usar nuestros servicios

Cerrar

 

ENVIAR NOTICIA  

Se ha producido un error
No se ha podido realizar el envío

Revise sus datos y vuelva a intentarlo

Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.

Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios

Cerrar

LVDG_PUBLICIDAD:robapaginas:sec.opinion
LVDG_PUBLICIDAD_EXTERNOS:08A
LVDG_PUBLICIDAD_EXTERNOS:08B
LVDG_PUBLICIDAD_EXTERNOS:08C
LVDG_PUBLICIDAD_EXTERNOS:08D
LVDG_PUBLICIDAD_EXTERNOS:08E
LVDG_PUBLICIDAD:10:sec.opinion
LVDG_PUBLICIDAD:11:sec.opinion
Confianza oline. Enlace a más información sobre el certificado © Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A.
Polígono de Sabón, Arteixo, A CORUÑA (España)

R.M. de A Coruña: tomo 2438 del Archivo, Sección General, folio 114 vto., hoja C-2141. CIF: A-15000649.
ojd