Gocei hai tempo Los girasoles ciegos, de Alberto Méndez. É un libro fermoso porque fala da pel dos seres humanos en tempo de guerra, das paixóns e obsesións, da tenrura e lucidez do peor dos fracasos. É un libro que ha de perdurar porque traslada ao lector a maxia, a revelación que representa a verdadeira arte literaria. Hai tempo lin tamén El nazi y el peluquero, de Edgard Hilsenrath, fala do nazismo dende a ironía, o sarcasmo e -aínda que poida parecer inverosímil- o humor. Carlos Casares deixounos Os mortos daquel verán e Ferrín algún dos luminosos contos de Arraianos que tiñan de fondo a Guerra Civil. Son libros, todos os citados, espléndidos. Por orixinais. A literatura debe propender á orixinalidade. Tamén son libros simbólicos, porque toda literatura resulta simbólica. O lector non se extravía nun simplista maniqueísmo cantado dende as primeiras liñas. Non hai sobreexposición de personaxes A (positivos, xenerosos, magnánimos) e personaxes B (pérfidos, inicuos) que repiten esquemas sucesivos ata chegar á fin do texto. Eu falo a miúdo do cansino do guerracivilismo da literatura galega. E non me gusta o termo memoria histórica, que en si mesmo semella un pleonasmo: a historia é memoria ou non é nada. Neste país tíñamos que estar afeitos á discrepancia con naturalidade, pero non estamos. Talvez nos pesa o pasado: dezaseis anos de fraguismo que resultan difíciles de olvidar. Non obstante, eu creo aínda na capacidade da literatura, e da altura intelectual, para que o diálogo non se convirta en monólogo. A literatura axuda sempre ao diálogo. A boa literatura, digo. Simbólica, orixinal, metafórica. A literatura que non se repite mil veces para impartir dogma: porque a literatura non é unha lección moral efémera, senón arte perdurable. O guerracivilismo debe ser re-creado. Hoxe, un día despois do 14 de abril, quixen dicir e digo.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios