Cando era neno, veraneaba cos meus pais en Perillo, así que lembro ben o ritual estival de Meirás: os xugos e frechas en madeira vermella na estrada de Sada, os motoristas cada 200 metros e o Azor ancorado na Coruña á espera de que Arias Navarro soltase persoalmente unha pescada para que a pescase Franco. Víao eu pasar, a Franco, case todos os días, creo que por onde hoxe hai un puticlú , ou cría velo pasar. Era algunha daquelas siluetas tras os cristais tinguidos da caravana de coches negros.
Meirás tamén era famoso na miña vila ancestral, Meira (curiosamente, ambos topónimos significan «auga morta»), porque un veciño de aló, un home de Paraxes, se presentara na porta do pazo cun coitelo de matar os cochos preguntando polo «generalísimo». Caéronlle unha barbaridade de anos, e cando saíu, coa última amnistía de todas, rachou o billete de tren e volveu andando de Cádiz a Lugo. Ou iso nos contaba xogando á escoba no bar Negrín. Vólvese agora falar do pazo de Meirás e o seu estatus, e o Goberno galego semella incomodado con esta nova intromisión do chan urbanizado na política. Compréndese: aínda non se sabe que facer coa Cidade da Cultura e agora resulta que xurde esta polémica de si facer outro centro cultural no pazo de Meirás. Está claro que, en Galicia, tanto a construción como a cultura non dan máis que desgustos, sobre todo combinados.
Eu tampouco sei o que podemos facer, nin co pazo de Franco ni coa cidade de Fraga. Temos aí un pazo que foi un agasallo a un ditador, pero que ten valor cultural. E temos unha Cidade da Cultura que debería ter un valor cultural pero que máis ben parece feito para regalarllo a alguén, non sei se a un ditador. Nos dous casos custou unha morea de cartos, e en ningún dos dous casos se nos preguntou nada. Os coruñeses, en plena guerra, non tiñan moitas opcións á hora de apuntarse para contribuír (calquera non se apuntaba). E a nós, menos dramaticamente, tampouco nos preguntou ninguén (non me lembro quen gobernaba entón) se queriamos soterrar o presuposto de Cultura da Xunta para os próximos douscentos anos nesa triste Disneylandia de titanio do monte Gaiás.
Qué sei eu. Quizais a solución sexa facer un cambio. Que vaia a familia Franco a vivir nos edificios que fixo Fraga, e que se faga en Meirás un museo dedicado a aquela rabuda que era a Pardo Bazán. Non digo que sexa xusto, pero quizais é que non nos merecemos outra cousa.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios